Intensa actividade no Grove na ponte do 1 de novembro
Fecha: 2016-10-31
Teatro, cine, actividades infantís e música para catro días de celebracións.
A carpa institucional da praza do Corgo será o escenario principal das actividades lúdicas organizadas polo Concello do Grove para esta fin de semana e os vindeiros días festivos. Deste xeito, o sábado volveu o Certame de Teatro Enxebre, desta vez coa obra Estación sombría, a cargo de Gargallada teatro. O domingo Cinemas de Galicia proxectou o documental Arraianos. O luns tocaralle a vez aos máis pequenos coa Festa de Samaín que organizarán na carpa diversos colectivos da localidade e que durará desnde as 11.30 da mañá ata as nove da noite. A partir desa chegará o cine de terror con dous filmes deste xénero ás 21.00 e ás 22.30 horas.
Ao día seguinte, 1 de novembro, un contacontos ocupará o escenario do Corgo. Trátase da compañía Caxoto Contacontos que ofrecerá o espectáculo Contos que deixan durmir no que se aborda o difícil problema do medo a través de tres historias de nenas e nenos que aprenderán a afrontalo, a rirse del e sacarlle proveito. Haberá música, imaxe e xogo con grande participación do público.