O Concello porá en marcha tres roteiros culturais grazas á subvención concedida pola Deputación de Pontevedra
Fecha: 2016-12-02
Os roteiros culturais da Memoria Histórica farán un percorrido polo patrimonio arqueolóxico, os edificios modernistas e os persoeiros ilustres do Grove.
A Deputación de Pontevedra concedeulle ao Concello do Grove unha subvención dentro da convocatoria de “Sinalización do Patrimonio Histórico e Cultural e a Memoria Histórica” pola cal se poñerán en marcha nos vindeiros meses tres roteiros culturais que ofrecerán un novo atractivo na visita ao noso municipio.
En concreto, sinalizarase o denominado “Roteiro arqueolóxico”, no cal se sinalizarán os 10 puntos arqueolóxicos de referencia no Grove, partindo dos achados da Illa da Toxa e rematando no Castro do Monte da Siradella, con paradas en Adro Vello, pero tamén no Castriño ou nas Moutas de Nartallo. O segundo dos roteiros é o denominado “Roteiro Modernista” que, saindo da praza do Corgo, percorre as rúas do centro urbano para visitar a casa modernista da rúa Pablo Iglesias, o conxunto arquitectónico da Praza da Arriba, a casa A Celestina, a Torre de Escuredo, a casa modernista de Luis A. Mestre (Farmacia) o conxunto arquitectónico da Fonte do Galo, continuando posteriomente pola capela de San Roque, o Pazo do Sineiro, a igrexa de San Martiño, o cemiterio municipal e rematar facendo unha visita á Ponte da Toxa. Deste xeito pódense coñecer as referencias de patrimonio arquitectónico do Grove. O terceiro dos roteiros é dos “Persoeiros ilustres” onde se visitan as rúas adicadas a persoas de relevancia na historia do Grove e tamén os lugares vencellados á súa vida. Así, este percorrido percorrerá as vidas de Gil Casares, José Riestra, Jesús Guridi, Ernesto Goday, Lueiro Rey, Xacobe Barral, Jaime Solá, o Chapelo, os Irmáns Otero Goday, Luis Antonio Mestre, José Botana ou o conde do Grove.
Todos estes roteiros serán adecuadamente sinalizados e trabállase para que os paneis coa información poidan contar con datos adicionais mediante códigos QR. A subvención cobre a totalidade dos custos desta sinalización por unha contía de 16.000 euros e a súa montaxe deberá estar finalizada antes do mes de xuño do vindeiro ano, inda que o Concello agarda poñelos en marcha o antes posible.
Presentación no Culturgal
Os novos roteiros culturais da memoria histórica preséntanse ao público na Feira das Industrias Culturais que se celebra esta fin de semana en Pontevedra onde, de man da Deputación, se distribuirá unha primera edición dos folletos informativos das rutas. A partir de aí estase traballando xa nunha segunda edición coa información mellorada para ter dispoñible para a inauguración das rutas nos vindeiros meses.