Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello e a Xunta realizan unha visita ás novas instalacións da Escola Infantil de Rons

Fecha: 2017-05-09

Desde o Concello valórase positivamente o resultado da colaboración directa das dúas administracións para levar a cabo a importante reforma desta instalación.

 

Onte tivo lugar unha vista ás novas instalacións da Escola Infantil “A Galiña Azul” de Rons no concello do Grove. Asistiron o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, o alcalde do Grove, José Cacabelos, e membros do goberno local, que puideron comprobar que as novas instalacións xa se atopaban a pleno rendemento.

 

O alcalde declarou a súa satisfacción pola reforma das instalación, un beneficio para toda a veciñanza, e pola boa colaboración das institucións, independentemente da súa cor política, incidindo en que esta é a vía para que os proxectos saian adiante e en que o feito pola Consellería de Política Social debía ser tomado como referencia noutros departamentos da Xunta de Galicia. Pola súa banda, o conselleiro expuxo o seu compromiso de seguir colaborando co municipio en novos proxectos e amosou o seu entusiasmo polas melloras aplicadas na Escola Infantil de Rons.

 

A reforma

 

Nesta visita amosouse a reforma feita no edificio, unha edificación que contaba xa con 35 anos de antigüidade. A escola conservou a estrutura inicial —a súa estética simula as fabricas de conserva da zona— e a reforma centrouse no illamento das instalacións, así como na renovación do tellado, os illamentos internos ou as cámaras de aire do subsolo que permiten unha mellor ventilación e perda da humidade que estaba afectando o edificio que, lembramos, se atopa situado na antiga Lagoa de Rons.

 

Ademais do anterior, acondicionáronse os acesos, os aseos, a zona de dirección así como zonas de almacenaxe. Outra das grandes innovacións nesta reforma foi a posta en contacto entre as aulas e a natureza, a través de grandes fiestras que permiten a entrada da luz e á vez dan acceso á zona axardinada. As aulas están comunicadas todas entre si o que facilita a interacción dos  cativos cando as actividades ou os educadores o ven conveniente.

 

Unha das particularidades desta Escola infantil é que non cerra nos meses de verán, pois polas características socioeconómicas do municipio moitas familias necesitan deste servizo nesas datas. Por este motivo resultaba moi importante manter as instalacións abertas mentres se executaban as obras, para non deixar sen servizo escolar os cativos. Desde o departamento técnico da obra, sinalaron con satisfacción que só houbo que pechar as instalacións no mes de agosto garantindo o máximo servizo posible a pesares das obras.