Remataron as clases de preparación para os Celga organizadas polo Concello do Grove
Fecha: 2017-06-01
A alta demanda destes cursos propiciou a asistencia de alumnado doutros concellos da contorna.
O Concello do Grove rematou esta semana as clases preparatorias para as probas dos Certificados de lingua galega (Celga) 2017, que terán lugar en Santiago de Compostela e en Ponferrada a segunda e a terceira fin de semana deste mes.
Esta acción formativa gratuíta, de catro horas semanais por cada un dos dous grupos, desenvolveuse en horario de mañá ou de tarde, segundo o nivel do alumnado. As clases comezaron o pasado mes de marzo e foron impartidas polo técnico de normalización lingüística do Concello na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.
Os grupos estiveron compostos por persoas adultas de diversas idades e procedencias. Este ano a alta demanda deste tipo de formación quedou confirmada pola asistencia de persoas procedentes doutros concellos da comarca e mesmo da provincia.