O Concello do Grove concede as Centolas de Ouro 2017
Fecha: 2017-09-22
Francisco Meis, Javier Veiga, o Restaurante Solaina e a ONG “Por una Sonrisa – O Grove” son os galardoados desta edición do premio máis prestixioso da localidade.
Logo da reunión mantida a pasada semana polo Consello Local de Turismo e unha vez analizadas as propostas, o Concello do Grove comunicou esta mañá aos premiados a concesión do galardón. Seguindo a dinámica habitual son dous premios individuais e dous colectivos que recoñecen a traxectoria vital e profesional daqueles que contribúen ao desenvolvemento social do Grove e, especialmente, no relativo ao sector turístico, pero tamén en mellorar a nosa realidade e a nosa contorna.
No ano 2017 foron designados os seguintes premios Centolas de Ouro:
Francisco Meis Durán. Investigador da historia local e piar fundamental na mellora do coñecemento que os mecos e mecas teñen das súas orixes. Destaca especialmente o traballo realizado na recuperación da historia da Illa da Toxa e do seu Hotel, como berce do turismo no Grove e en Galicia e unha das vilas pioneiras do turismo nacional. Os seus traballos de investigación permiten que O Grove avanzase notablemente no desenvolvemento de iniciativas vinculadas co recoñecemento da súa historia, pero tamén dos persoeiros que a conformaron, veciños e veciñas que, grazas aos traballos de Francisco Meis, teñen conseguido o merecido recoñecemento.
Javier Veiga. O actor máis recoñecido da historia do Grove segue exercendo de embaixador das nosas terras en cada lugar onde traballa. A súa xa consolidada traxectoria no mundo da interpretación e da televisión permitiu que demostrara a súas capacidades polifacéticas sendo presentador, actor de teatro, de cine, fundador de compañías teatrais, humorista, monologuista, escritor, guionista, director, produtor… e todas facetas desempeñadas con notable éxito. Desde o Concello do Grove resultaba necesario recoñecer o labor cultural que Javier Veiga está realizando a nivel nacional, agradecendo ademais a súa disposición a colaborar coa Festa do Marisco, da que foi pregoeiro e incluso condutor da Gala das Centolas de Ouro.
Restaurantes Solaina. As Centolas de Ouro recoñecen tamén un dos establecementos de restauración do Grove que xa se pode considerar senlleiro. A marisqueira Solaina ten conseguido converterse nunha referencia no relativo aos peixes e mariscos da nosa zona e, acompañados de A Solaina, constitúen unha das bases fundamentais da gastronomía local. Cun concepto que coincide co modelo que fixo ao Grove diferente no relativo á restauración, Solaina enténdese como un negocio familiar onde a calidade do produto e a mellora continua convértense na “marca da casa”, tal e como é recoñecida polos seus clientes. Un modelo de restaurante que incide no que O Grove quere ser: calidade e bo trato.
Por una Sonrisa O Grove. O Concello do Grove quere recoñecer o labor desta asociación altruísta de carácter humanitario con longa traxectoria de doazóns a institucións e poboados en distintos puntos de África. Naty Villanueva e Mustafá Ennabbar son as persoas visibles que teñen conseguido mobilizar este pobo para demostrar a súa sobradamente coñecida solidariedade con outros lugares. Durante varios anos “Por una sonrisa” ten desenvolto un proxecto de mellora da escola e o poboado de Thíes (Senegal). Teñen conseguido cubrir necesidades urxentes, como a posta en marcha dun segundo pozo, facilitar todo o posible para a creación dun cultivo ecolóxico, entre outras melloras. Un xeito de entender a axuda e a colaboración entre pobos que resulta un bo exemplo para toda a veciñanza do Grove.