A Festa do Marisco remata cos mellores resultados dos últimos dez anos e sen o apoio da Xunta de Galicia
Fecha: 2017-10-16
Os datos de recadación e venda de produtos sitúanse a niveis non acadados desde 2007 (cando se celebraban máis días de Festa).
A LIV Festa do Marisco pechouse na noite onte nunha edición que se pode cualificar de “histórica”. Os datos de venda, de visitas, pero, sobre todo, de calidade do produto servido durante os dez días de celebración sitúan ao Grove en cifras de 2007, cando en once días se tiñan unha cifra levemente superior á obtida este ano. A grande aposta realizada pola mellora da calidade do produto —recollido en exclusiva nas rías galegas— na limpeza e coidado do recinto, e na programación musical e cultural ao redor do evento confirmaron ser a mellor estratexia para que a festa gastronómica máis importante de España se revitalizase.
O mellor balance está nos milleiros de visitantes que se achegaron ata O Grove e que a través do escaparate da Festa do Marisco puideron coñecer un destino turístico de máximo nivel e calidade, ademais de entender doutro xeito a realidade do marisco e os produtos da nosa ría. A ocupación hoteleira constatou o éxito da Festa, ao igual que a diversidade de idades e orixes dos visitantes que se achegaron a ela. É especialmente destacable que un dos obxectivos marcados polo goberno local estaba en reducir a idade dos visitantes á Festa, feito que se conseguiu en tan só dúas edicións. Desde outro punto de vista, traballouse en aumentar a presenza de turistas internacionais e en incidir no cumprimento dos requisitos para a obtención do selo de Festa de Interese Turístico Internacional, feitos ambos nos que esta LIV Festa permitiu marcar grandes avances.
No lado negativo, un ano máis confírmase a falta de apoio da Xunta de Galicia ao evento turístico máis importante da comunidade, sendo, segundo se recoñece desde o ente autonómico, o “fundamental elemento desestacionalizador” deste mes de outubro. A pesar disto, as autoridades autonómicas non realizaron ningún tipo de achega á Festa, con todo, asistiron a actividades organizadas por colectivos privados. A este grave feito súmase a ausencia de apoio económico da Xunta, que se limitou a unha liña de axudas (outorgada a todas as Festas de Interese Turístico de Galicia) para realizar a presentación internacional da Festa. Restando esta pequena contribución e a axuda prestada pola Deputación de Pontevedra, os gastos desta Festa son asumidos practicamente en solitario polas arcas municipais do Grove. E todo isto sendo un evento que permite que funcione todo o sector turístico de Galicia, polo que o Concello do Grove reclama que Xunta de Galicia realice un apoio claro e directo á Festa do Marisco do Grove e entenda a importancia deste evento histórico para todo o sector.