O Plan de compostaxe acada cifras de récord no Grove
Fecha: 2017-11-15
O composteiro colectivo instalado no Sineiro o pasado venres xa acada o 30% da capacidade.
O Concello do Grove segue adiante co seu revolucionario proxecto de cambio da xestión dos residuos da vila, traballando na implantación dos composteiros individuais e ampliando as zonas con composteiros colectivos. A implicación e compromiso da veciñanza nesta forma de reciclaxe está conseguindo que, unha vez máis, O Grove sexa referencia na xestión de residuos. O pasado venres o Concello instalou un composteiro colectivo no barrio do Sineiro. Tan só tres días despois, antonte luns, este xa se atopaba ao 30% da súa capacidade, o que demostra o compromiso e traballo colectivo que adquire a nosa cidadanía co coidado e a mellora do Medio Ambiente.
Trátase dun dato moi positivo que avala unha aposta pola separación dos biorresiduos que pretende conseguir varios obxectivos. Un dos fundamentais é a redución do volume de residuos orgánicos que se recollen no Grove e que cada ano supoñen un custo de 400.000 euros das arcas municipais, contía que se corresponde cos pagamentos realizados a SOGAMA pola recollida do material orgánico da vila. Conseguir que o peso dos restos trasladados a esta planta (na súa meirande parte auga) se reduza, suporía tamén reducir esta factura.
Neste plan é fundamental o traballo da Deputación de Pontevedra, que achegará recursos para a continuación dos traballos realizados na posta en marcha de composteiros individuais. A través desta e doutras axudas O Grove aspira a ter case 1.500 composteiros individuais a fins de 2018. Esta mesma semana técnicos da Deputación de Pontevedra comezaron coas visitas domiciliarias na área da Xesteiriña, Estrada do Conde, A Viña de Millán e O Porto de Meloxo. Dirixiranse a vivendas con terra ou horta aos que se lles ofrecerá a posibilidade de contar co seu composteiro individual.
Desde o Concello do Grove reitérase o agradecemento aos veciños e veciñas que amosaron desde o comezo un compromiso con esta iniciativa que permitirá notables melloras na xestión dos residuos do municipio, ao tempo que anima a todas aquelas persoas que aínda non o fixeran a se informaren e coñeceren o novos sistema de compostaxe.