O Concello do Grove consegue un millón e medio de euros para o Auditorio e Escola de Música
Fecha: 2017-11-15
A Deputación de Pontevedra habilita unha partida de recursos adicionais que permitirá que o proxecto de auditorio conte cun maior apoio financeiro.
Segundo o compromiso adquirido polo Goberno do Concello do Grove, conseguiuse un maior apoio para a construción do agardado Auditorio e Escola de Música do Grove. A posta en marcha do proxecto permitiu contar coa documentación e unha proposta consolidada que lle permitiu concorrer ás axudas da Deputación de Pontevedra dentro do Plan de Reequilibrio para municipios de menos de 20.000 habitantes. No día de onte o ente provincial confirmou a dotación dunha axuda de 1.500.000 de euros sobre o orzamento total de 4.318.266,85 euros do Auditorio-Escola de Música.
Trátase dunha achega que permite que o Concello teña que reducir a súa parte nesta obra permitindo a reasignación dos recursos a outros proxectos. Deste xeito o proxecto emprendido practicamente en solitario polo Goberno local recibe agora un apoio claro e rotundo por parte da Deputación manténdose, porén, a total ausencia doutras administracións como a Xunta de Galicia. Tendo en conta a xestión desta axuda trabállase para contar cos trámites administrativos necesarios que permitirían a saída a concurso da construción deste espazo nos primeiros meses de 2018.