O Concello do Grove participa na sesión constitutiva da Sección de Augas Termais e Minerais da FEGAMP
Fecha: 2018-03-15
Dezaoito concellos tomaron parte desta primeira sesión.
O Concello do Grove tomou parte hoxe da sesión constitutiva dunha nova sección da Federación Galega de Municipios e Provincias. Trátase da Sección de Augas Termais e Minerais que, ao igual que sucede coa Federación Nacional de Municipios e Provincias, reúne aquelas vilas que contan con recursos termais. En Galicia son 31 as vilas que posúen recursos termais e, na sesión de hoxe, participaron 18 delas.
O obxectivo desta sección é “o fomento e a defensa dos intereses dos concellos integrados no seu ámbito” ao tempo que poderá “organizar xornadas técnicas, xurídicas e administrativas” e, por suposto “elevar propostas á FEGAMP co destino ás demais institucións do Estado, Xunta de Galicia, sobre a normativa en materia local, seguridade, licenzas, etc.”.
O Grove participa nesta iniciativa ao considerar fundamental a identidade termal da localidade. Lembramos que o Concello tamén forma parte da Sección de Vilas Termais da FEMP —onde está integrado no Comité de dirección— e do Foro Termal dependente do Eixo Atlántico. En todos os casos a colaboración dos municipios termais resulta fundamental xa que as problemáticas e incidencias relativas a estes recursos son comúns, sendo a revitalización do turismo termal unha das liñas de traballo fundamentais.