O Concello do Grove valora positivamente a reunión mantida en Educación con respecto ao Rosalía de Castro
Fecha: 2018-03-16
A boa colaboración entre a Dirección do centro e o Concello permitiu lograr algúns dos obxectivos que levaban anos sen avanzar.
O alcalde do Grove e a concelleira de Educación mantiveron onte unha reunión co xefe territorial de Educación. Nela estiveron presentes a directora do CEIP Rosalía de Castro, Elena López, e os responsables da Unidade Técnica. O obxectivo da reunión era abordar a situación do coñecido como "edificio dos mestres" e a necesidade de dotar de comedor este centro de ensino público.
Grazas aos traballos desempeñados nos últimos meses pola dirección do centro e o Concello, conseguiuse o desaloxo case total o edificio dos mestres, quedando pendentes tan só dúas vivendas das que a Consellería comprobará a situación co fin de conseguir o desaloxo definitivo o antes posible. Este era un requisito fundamental para poder emprender accións que pasan polo seu derrubamento e posterior construción doutras infraestruturas. A partir desta mellora conseguida, Educación coincide co Concello na necesidade de colaboración directa na consecución deses servizos.
De igual xeito, tamén se considera importante a solicitude do servizo de comedor para este centro, feito para o cal se acadou un bo punto de partida para a colaboración económica para a súa consecución. Así, o espazo do vello edificio dos profesores sería unha boa solución, ao tempo que permitiría contar con espazo para a biblioteca, así como espazo para uso municipal para cubrir demandas de xuventude e laboral, entre outras.
Necesidade urxente
A pesar da posibilidade indicada, debe terse en conta que o atraso na resposta por parte da Consellería levou a que o Concello xa teña estudado outras posibilidades. Deste xeito pesentouse a instalación dun módulo prefabricado, idea que xa lle fora trasladada á ANPA, que indicou que, se ben non se trataba da mellor solución , podería paliar a clara necesidade deste servizo existente no centro.
A proposta tamén foi trasladada na reunión de onte, insistindo na necesidade de cubrir este servizo de xeito inmediato provisionalmente en tanto non se conte con instalacións definitivas. Finalmente a solución foi validada e a solución provisional será confinanciada por ambas as administracións (Consellería e Concello) co compromiso de apurar ao máximo os tempos para conseguir que o servizo de comedor comece a funcionar no vindeiro curso.
O Concello levaba reclamándolle estas medidas á Consellería de Educación desde o ano 2015, atendendo directamente as demandas da comunidade educativa. O Concello valora, polo tanto, moi positivamente este convenio ao tempo que manterá as súas demandas no relativo ao edificio dos mestres eá atención a este e aos outros centros de educación da localidade.