Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove pon en marcha unha ordenanza para o impulso social da lingua galega

Fecha: 2018-03-20

Agárdase que o texto poida ser aprobado no pleno do mes de marzo.

 

Unha das tarefas pendentes por parte do Goberno actual no relativo ao coidado da lingua e a cultura galega gardaba relación coa existencia dunha ordenanza sobre o uso da lingua galega nas tarefas administrativas e de divulgación municipal. Para este fin o Servizo de Normalización Lingüística ten traballado a partir da documentación recollida noutras administracións para o desenvolvemento dunha proposta que no día de onte foi debatida co resto de grupos políticos da corporación.

 

A referida ordenanza nace co espírito de “desenvolver accións encamiñadas a implicar ao conxunto da sociedade no proceso de normalización lingüística”. Deste xeito, a nova ordenanza establece un compromiso claro e directo de que o Concello do Grove empregue o galego en todas as súas accións, tanto internas como externas. Deste xeito faise especial fincapé na formación e tamén nas accións de divulgación para realizar un especial coidado e dedicar atención a un patrimonio inmaterial como é a lingua.

 

A intención do goberno é a aprobación da ordenanza no Pleno que terá lugar a finais deste mes para poder comezar coa súa aplicación o antes posible. Debe terse en conta que a ordenanza establece o galego como lingua oficial do Concello, polo que a súa aplicación suporá melloras na sinalización e no material escrito que se elabore no municipio. Ademais do anterior, crearase unha comisión técnica que velará polo seguimento e aplicación desta norma pola que se levaba anos agardando pola falla de acordo dos grupos.