O Concello do Grove organiza xornadas de formación bibliotecaria para o alumnado de bacharelato
Fecha: 2018-03-22
As actividades desenvolvéronse na biblioteca do IES Monte da Vila.
O Concello do Grove, en colaboración co IES Monte da Vila, vén de organizar unhas xornadas de formación bibliotecaria e información sobre o uso e vantaxes do novo carné de biblioteca dirixidas ao alumnado de bacharelato. A sesión tivo lugar onte mércores na propia biblioteca escolar do instituto, ata onde se desprazou persoal da biblioteca municipal do Grove.
Lembramos que as bibliotecas do Grove foron integradas no Catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas de Galicia en novembro do pasado ano. Isto supón numerosas vantaxes para os usuarios e usuarias destes servizos, xa que se permite implantar un carné único para acceder a todas as bibliotecas integradas no programa, contando cun catálogo colectivo con todos os fondos de todos os centros para a súa consulta a través de internet (OPAC).
Deste xeito, durante a sesión celebrada, o alumnado recibiu formación no uso dese novo catálogo colectivo: como acceder ao catálogo, solicitar o carné, facer renovacións, reservas de materiais, etc. Tamén se lles facilitou información sobre o uso e acceso da Biblioteca Dixital en Rede, que permite achegar aos usuarios unha serie de recursos electrónicos sen necesidade de desprazarse á biblioteca para a súa consulta (libros, enciclopedias, hemeroteca, recursos audiovisuais...). Ademais de todo o anterior, recibiron indicacións para o uso e acceso a GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros electrónicos das bibliotecas públicas galegas, que facilita o acceso aos catálogos de libros en galego e castelán de temáticas moi diversas.
O persoal da biblioteca elaborou un folleto para a ocasión que conta coa información sobre a App de eBiblio; unha iniciativa promovida polo Ministerio de Educación e Cultura, dispoñible para a descarga gratuíta para iOS e Android que facilita a lectura na nube a través de dispositivos móbiles. Todo isto permite, sen dúbida, achegar os rapaces e rapazas do Grove á lectura a través dos novos medios e tendo en conta as súas novas formas de consumo de ocio. O Concello pretende, deste xeito, continuar no bo camiño de dinamización lectora marcado polas propostas da Rede de Bibliotecas do Grove.