Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Obradoiro de estimulación cognitiva do Concello do Grove celebra o Día Mundial da Poesía

Fecha: 2018-03-22

 

A actividade achegou os “haiku” aos participantes no obradoiro “Espreguiza a túa mente”.

 

O Concello do Grove, a través do Centro de Información á Muller (CIM) e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) en colaboración coa Asociación Anduriña conmemorou o 21 de marzo, Dïa Mundial da Poesía, cos participantes no obradoiro de estimulación cognitiva “Espreguiza a túa mente!” que ven celebrándose dende hai meses.

 

Este ano, os participantes no obradoiro achegáronse ao haiku, unha modalidade de poesía tradicional xaponesa. Deste xeito o Servizo de Normalización Lingüística do Concello foi o encargado de aportar información histórica e de funcionamento dos haiku para logo realizar un taller nos que crearon a súas propias composicións que foron recitadas na aula.

 

A actividade non só permitiu contar cunha xornada de traballo diferente, senón que traballou no uso da lingua dende unha perspectiva multicultural que enriquece e pon en valor a diversidade en todas as súas dimensión.

 

O haiku

 

O haiku é un poema breve composto por unha estrofa de 17 sílabas, xeralmente distribuídas en versos de 5-7-5 sílabas, sen rima. Acostuma conter unha palabra clave denominada kigo, que indica a estación do ano á que se refire.

 

Na nosa lingua adoita conservarse a distribución en tres versos breves, de rima libre, humildes, sinxelos e simples, pero non simplistas, senón cheos de filosofía vivida que nos invitan á reflexión e a achegarnos ao mundo sensorial; coma un fotograma da realidade que amosa o que se ve no momento, directamente, sen interpretacións persoais nin metáforas.

 

Compuxeron haikus en galego poetas como Uxío Novoneyra, Helena Villar Janeiro, Marilar Aleixandre ou Xoán Abeleira, entre outros. En español, Antonio Machado, Juan Ramón Jiménez ou Federico García Lorca tamén se interesaron por esta modalidade de poesía, igual que alén mar Octavio Paz, Mario Benedetti ou Jorge Luis Borges.