Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove afianza a súa presenza no concurso Youtubeir@s

Fecha: 2018-04-09

 

O Grove sitúase como a oitava localidade en participación deste importante concurso de vídeos galegos na rede. 

 

O Concello do Grove participou este ano por segunda vez na iniciativa “Youtubeir@s” posta en marcha polos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos de A Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela e, por suposto, O Grove, xunto coas Universidade da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e a Deputación de Coruña. Trátase dunha iniciativa que nace con vontade de promover e visibilizar o uso do galego con vídeos a través das redes sociais e, en concreto, unha das máis importantes da actualidade: YouTube.

 

Deste xeito, foi convocado un concurso no que se invita a xente de todas as idades a crear vídeos de opinión e vídeo-titoriais de temáticas diversas, compartindo a súa creatividade, diversidade, sabedoría e, sobre todo, a súa lingua. O prazo de participación terminou o pasado 15 de marzo e xa contamos cos datos sobre o material creado nesta segunda edición. 229 novos vídeos en galego foron creados baixo este concurso dos que máis do 50% se inscribiron na categoría “video-facernos” referido a titorías para ensinar a “facer cousas”. En segundo lugar están os vídeo-opinarmos (38%) e finalmente os canles temáticos que chegaron a case un 11%.

 

Dende O Grove considérase moi positivo o avance de participación na localidade (Gráfica 1), xa que se teñen presentado 8 propostas que sitúan o concello en oitava posición do total das participantes ao tempo que supón unha notable melloría con respecto á primeira edición, onde tan só se presentaran un par de propostas.

 

 

O xurado atópase nestas datas deliberando para outorgar os premios das distintas categorías. A entrega dos galardóns celebrarase nas vindeiras semanas nunha gala específica que se terá lugar na Coruña. O Concello do Grove deséxalle moita  sorte para aos mecos e mecas que teñen participado nesta iniciativa.