Os talleres de animación á lectura crean unha fotonovela
Fecha: 2018-04-09
O grupo máis veterano dos talleres de “Coñecendo e desfrutando a biblioteca” crearon este formato adaptando o conto Yo voy conmigo de Raquel Díaz Reguera.
Dentro das actividades do Concello do Grove destinadas a fomentar a lectura, cada ano créanse novas iniciativas e actividades que buscan espertar o interese e imaxinación dos participantes. Nesta ocasión, aproveitando a experiencia dun grupo de rapaces e rapazas que participan nos talleres de animación á lectura desde o seu inicio, tense posto en marcha unha actividade diferente ao realizado ata o de agora: o deseño e montaxe dunha fotonovela. Trátase dunha sucesión de fotografías que resumen o conto de partida de xeito visual e onde as personaxes son os propios rapaces e rapazas.
Para esta actividade tense escollido o conto Yo voy contigo, de Raquel Díaz Reguera. A historia foi elixida por tratarse dunha ferramenta moi adecuada para traballar a autoestima e poder falar coa rapazada sobre o importante que é valorarse un mesmo e comprender que ser diferente é positivo. Sobre esta idea, tense elaborado unha versión do libro para que todos e todas os integrantes do grupo puidesen participar no proxecto, dende a presenza nas imaxes ata a realización dos textos, converténdose en protagonistas da súa propia obra.
Para poder poñer todo isto en marcha, tamén foi necesario que os rapaces e rapazas viran exemplos de fotonovelas, realizaran a correspondente adaptación do conto e traducindo o texto ao galego. Tamén debateron e elixiron os escenarios, o vestiario e incluso a evolución temporal da historia e realizaron unha táboa descritiva a modo de guión técnico a proposta. Posteriormente editaron o material mediante ferramentas informáticas dando lugar a un resultado que agora é dado a coñecer. Desde o Concello do Grove valórase moi positivamente a acollida desta nova iniciativa que consolida o importante proxecto que a Rede de Bibliotecas do Grove está a levar ao cabo cos talleres de animación á lectura.