O Concello do Grove mantén un mes de maio comprometido coas Letras Galegas
Fecha: 2018-05-09
As actividades organizadas polo Concello e polas distintas asociacións da localidade completan un mes de maio cheo de opcións para a cultura e o ocio en galego.
O Concello do Grove ten previstas unha chea de actividades para estes días en conmemoración das Letras Galegas, facendo do mes de maio “O mes das letras”. Ademais da celebración de contacontos e o programa de Cinemas de Galicia, o propio día 17 de maio a tradicional Festa do Día das Letras Galegas trasladarase á rúa Castelao.
Nesta nova localización estarán presentes os libreiros locais, cunha venda especial de obra en galego. Tamén contaremos co talento local de Xarope Tulú, que a partir das 11.30 horas entreterá os máis cativos cos seus contacontos. Xa ás 12.30 horas chegará a quenda do I Recital poético das Letras Galegas que organiza a sección de poesía da Asociación Cultura Enxebre “LetraEnxebre”. Ao seu remate será a agrupación Paradanda-Mecos quen poña música galega a esta mañá de Festa. Pola tarde, na praza do Corgo, a agrupación Cantodorxo celebrará a VIII Festa das Letras con xogos e actividades para os pequenos.
Debemos destacar a alta calidade da oferta para os cativos deste ano. Ademais dun contacontos sobre a vida e obra da homenaxeada este ano nas Letras Galegas, María Victoria Moreno, a cargo de Polo Correo do Vento, o 18 de maio ás 18.00 horas a Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey acollerá o espectáculo de Monicreques Kukas O encoro enmeigado.
Tamén a música en galego estará presente neste mes das Letras. A cantante Sonia Lebedynski actuará o sábado 26 de maio ás 19.00 horas na rúa Castelao e a Coral da Confraría de Pescadores de San Martiño do Grove ofrecerá o seu tradicional Concerto das Letras Galegas ao día seguinte na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. Temos que incidir ademais en que haberá mostra de creadores locais grazas ao mercado Grovemakers, ademais dun evento solidario como é o Mercado do Libro e das Flores organizado pola ONG “Por una sonrisa do Grove”. Todas estas actividades celebraranse na rúa Castelao.
Programa Mes das Letras O Grove 2018>