O Concello do Grove asume un custo de 1.500 euros por neno ou nena ao ano na Escola Infantil de Rons
Fecha: 2018-06-04
O Consorcio Galego dos Servizos de Igualdade e Benestar é quen se encarga do cobramento destes custos para aplicar nos servizos da escola infantil.
O Concello do Grove conta, desde hai dous anos, cun convenio co Consorcio Galego dos Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Xunta de Galicia. Esta entidade é a encargada de xestionar as escolas infantís dentro do concepto Galiña Azul. Segundo o convenio, o custo establecido por neno é de 4.500 euros anuais, dos cales o Concello do Grove achega 1.500 euros, e os restantes van por conta do Consorcio. Deste xeito, o Consorcio faise cargo dunha parte dos gastos, pero os relativos a subministracións (electricidade, propano…) e mantemento básico (limpeza interior e do xardín, arranxos…) son asumidos de xeito directo polo Concello do Grove.
Segundo o acordo plantexado, estes gastos son descontados da cota que o Consorcio lle pasa ao Concello, o que supón unha rebaixa da cota inicial de 600 euros. Deste xeito o Concello abóalle ao Consorcio 900 euros anuais por neno ou nena, estando a media de matriculados en 70. Todo isto indica que o custo final por cada cativo da escola para o municipio está en 1.500 euros, que son aboados con cargo ás partidas de Educación dos orzamentos municipais. Desde o Concello destácase que se trata dun gasto xustificado na boa calidade do servizo prestado nesta Escola Infantil, especialmente logo da reforma realizada e das melloras que, de xeito permanente, son acometidas polo propio Concello, tal e como se fai en todos os centros educativos.