O Concello do Grove presenta unha programación que converte a vila no epicentro cultural deste verán
Fecha: 2018-06-29
A programación comezará o vindeiro martes 3 de xullo e prolongarase ata o 30 de agosto.
O Concello do Grove presentou na mañá de onte a programación cultural de verán para os meses de xullo e agosto. Como vén sendo habitual desde hai tres anos, os esforzos concéntranse en realizar unha oferta ampla e variada que sexa do agrado dos veciños e veciñas da localidade e, por extensións, se converta nun atractivo máis da ofertas turística da vila.
A programación mantén citas tradicionais coma os contacontos na Praza de Arriba todos os martes, os Cinema de Verán na rúa Hospital os mércores e os xa indispensables Xoves Musicais que se manteñen na praza do Corgo. En todos os casos traballouse para realizar unha selección de calidade e interese e, deste xeito, os martes a Praza de Arriba acollerá os grupos e contacontos máis importantes de Galicia; os Cinemas de Verán céntranse nas películas infantís e de humor recentes que teñen amosado unha grande aceptación por parte do público.
No referido aos Xoves Musicais realizouse unha proposta de estilos moi diversos que vai desde o rock surfeiro dos Breaking Bones ao flamenco e rumba de Fla-Meco ou as versións de ¿Quién se queda con los niños? ou o rock tranquilo do grupo Deteriorados, coa voz da grovense Laura Villanueva. Pero ademais destes ciclos máis tradicionais, O Grove realiza este ano unha aposta pola reivindicación das artistas femininas, loitando para conseguir o obxectivo de que as mulleres teñan unha maior presenza na oferta cultural galega. Para este fin, o mes de agosto creouse un pequeno ciclo que se desenvolverá na rúa Castelao e que contará coas espectaculares voces de Red Vita, Carolina Rubirosa, Guadi Galego e Uxía Senlle.
A todo o anterior súmanse outras moitas propostas de teatro, poesía, festas ou exposicións. Desde o Concello lémbrase que a información pormenorizada estará dispoñible nas redes sociais e nos programas de man que a partir da semana próxima poderán recollerse na Oficina de Turismo.