Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Éxito de aprobados nos exames Celga 2018 entre o alumnado dos cursos de galego organizados polo Concello do Grove

Fecha: 2018-09-07

 

O 100% do alumnado presentado á pasada convocatoria de maio e xuño das probas para obter o certificado de lingua galega (Celga) aprobou os seus exames.

 

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Grove está de celebración. Todos os alumnos e alumnas que se formaron nos cursos de lingua galega impartidos por este departamento municipal e que decidiron presentarse aos exames para obteren os diferentes niveis Celga superaron as probas.

 

A estes exames oficiais, que se realizaron en Santiago de Compostela a finais de maio e comezos de xuño deste ano, presentáronse un total de 7 estudantes, a maioría residentes no concello meco, pero de procedencia moi diversa. Concretamente, Valladolid, Brasil, as Illas Canarias, Asturias, Inglaterra, Poio e O Grove. En canto aos niveis, dous aprobaron o Celga 2, unha o Celga 3 e o 4 e os catro restantes o Celga 4.

 

Os cursos de lingua galega organizados e impartidos desde hai xa varios anos polo Concello do Grove a través do seu servizo lingüístico son gratuítos e están dirixidos a persoas maiores de 16 anos. Duran un total de 70 horas lectivas, distribuídas en clases de unha hora e media de duración, dous días á semana. As clases están deseñadas desde unha perspectiva de interculturalidade e diversidade, polo que a elas poden acudir tanto persoas galegas como estranxeiras. Aínda que o seu fin primordial é acadar unha formación que permita obter os Celga, tamén pode asistir ás aulas quen queira adquirir, aumentar ou mellorar os seus coñecementos e capacidades orais ou escritas na lingua propia de Galicia.

 

A finais de ano abrirase o prazo para unha nova edición desta actividade formativa.