Saltar al contenido

Esta web solo usa cookies propias técnicas, necesarias para su funcionamiento. Las estadísticas de visitas son anónimas y no usan cookies. Más información en nuestro aviso sobre cookies.

Aceptar

O Concello do Grove inaugura mañá a mostra ‘Contín-xente emigrante’ na rúa Castelao

Mañá xoves, ás 20.00 horas, na rúa Castelao do Grove, dentro da programación do Mes da Emigración Meca, inaugúrase unha mostra que reúne as imaxes de duascentas mulleres e homes do Grove que emigraron ao Brasil entre 1945 e 1960. Imaxes que recollen a súa ficha oficial de inmigración na que figuran datos como o nome completo, a data e lugar de nacemento, o estado civil, os nomes dos pais, fillos e cónxuxes, a cidade, rúa e oficio a desenvolver no país de acollemento, as súas características físicas como a cor do cabelo, a forma da cara e outros datos de interese, ademais dunha magnífica fotografía de cada unha destas persoas, entre outros.

Desta exposición é de subliñar o seu interese documental pola cantidade de datos que achega, pero tamén ten interese como fío polo que facérmonos, dende o presente, con novos datos desas persoas, algunhas delas aínda vivas e con residencia no Grove, ou no Brasil; outras falecidas, moitas delas ás que se lles perdeu o rastro. E diso se trata tamén, de activar, mediante a súa difusión pública, recursos para termos máis información do destino desas persoas para sabermos que foi de cada unha delas.

O título da exposición fai un xogo de palabras que abrangue tres acepcións: CONTÍN XENTE, como a acción de contar persoas, expresado na fala do Grove; CONTINXENTE: Como a cuota coa que cada parte contribúe ao total, neste caso ambas as expresións definen o que pretende esta exposición, revisar a cota coa que O Grove contribuíu ao éxodo; e facer o reconto de emigradas e emigrados grovenses no Brasil. Pero aínda podería entenderse como unha acepción máis CONTÍN XENTE EMIGRANTE, sería tamén a que que nos CONTA que foi da nosa xente, por que marcharon, se volveron, se ficaron, como lles foi, se se perderon para sempre no continente americano…

Contín-Xente Emigrante é o resultado dun traballo de investigación nos arquivos da República dos Estados Unidos do Brasil no período histórico posterior á guerra de 1936-1939, na que inicialmente se procuraban exiliados políticos grovenses, e que finalmente se extendeu á totalidade das mecas e mecos migrantes. Esta investigación, realizada por Antón Mascato, dáse a coñecer neste mes da emigración meca por primeira vez.

No acto de inauguración participarán o alcalde do Grove, José A. Cacabelos, a concelleira de Cultura do Concello do Grove, Emma Torres, e o responsable da mostra, o editor Antón Mascato; ademáis dalgunha das persoas que están incluídas nela. A concelleira de Cultura expresou “o convite especial do Concello do Grove a todas as persoas e os seus familiares que tivesen algunha relación coa emigración en xeral e, particularmente, coa brasileira”.


Todas las noticias