O Concello do Grove inaugura a mostra ‘Memoria meca da emigración Arxentina’
Fecha: 2018-09-27
Trátase dun dos últimos actos do mes da emigración e converterase na exposición de referencia da Festa do Marisco.
A Sala das Cunchas e a Sala das Dornas do Concello do Grove acollen a partir de mañá, venres 28 de setembro, unha exposición de imaxes e documentos relacionados coa emigración grovense en Arxentina. A mostra forma parte do ciclo do “Mes da Emigración Meca”, temática á que o Concello do Grove lle vén adicando todo o mes de setembro.
No acto de inauguración, que terá lugar mañá ás 20.00 horas, participará o alcalde do Grove, Jose Cacabelos, a concelleira de Cultura, Emma Torres, ademais da presidenta do Museo da Emigración de Bos Aires, Lorena Lores. Os fondos principais desta mostra son materiais pertencentes á sociedade Unión Hijos del Grove, que tivo dúas etapas diferentes, a inicial, vencellada aos anos finais do século XIX e comezo do XX, e unha segunda, desde os anos cincuenta ata a actualidade.
Unión Hijos del Grove foi unha importante sociedade de emigrantes grovenses que na súa primeira fase se vencellou ás reivindicacións agraristas e na segunda ao combate contra a ditadura franquista e as ditaduras militares arxentinas. Ademais de facer labores de educación, formación e culturais de todo tipo, a sociedade tiña outras funcións, como a de lles dar acubillo aos que se chegaban á cidade, axuda aos que necesitaban e mesmo realizar funcións como a de servir de estafeta de correos para aquelas persoas emigradas que inda non tiña domicilio estable. Entre outras moitas actividades, recadaron diñeiro para a construcción do monumento ao médico e dirixente político Jacobo Otero Goday, que se instalou na fachada da súa vivenda de Lordelo, ou aos pagamentos de viaxes e visitas de intelectuais como Xesús Alonso Montero ou Manuel Lueiro, e mesmo a sufragar os custos de edicións de obras censuradas ou mutiladas na etapa da ditadura de Franscisco Franco, como a novela Manso, de Manuel Lueiro Rey.