O Concello do Grove pon en marcha unha nova campaña para o Nadal: ‘Cartas aos Reis Magos’
Fecha: 2018-12-11
O deseño das cartas e do cartel foi realizado polo artista local e creador de videoxogos Anxo Rodríguez Domínguez.
As cartas promoven a lectura e o uso do galego.
O Concello do Grove acaba de poñer en marcha unha nova campaña para o Nadal: Cartas aos Reis Magos.
Trátase dunhas cartas moi orixinais deseñadas polo artista local e creador de videoxogos Anxo Rodríguez Domínguez, que amosan os Reis Magos bibliófilos avanzando cara ao Grove, por diante do mar, lendo libros en galego. Os obxectivos desta campaña son fomentar a lectura e o uso do galego.
As cartas veñen de ser repartidas entre toda a rapazada dos centros de ensino da vila xunto cos carteis que indican cando e onde depositar as cartas.
O Carteiro Real visitará a Biblioteca do Grove o día 2 de xaneiro a partir das 16:30 h e a Casa de Cultura de San Vicente o día 3 de xaneiro para recoller as cartas coas peticións e os desexos de toda a rapazada da vila.
Así mesmo, instalouse unha caixa do correo na Biblioteca Municipal do Grove para que todos aqueles que non podan acudir os días do Carteiro Real teñan a oportunidade de deixar as cartas a través dunha canle directa coas súas Maxestades de Oriente.