O Entroido meco reivindicará 'a fala do Grove'
Fecha: 2019-02-25
A programación mantén actividades como o desfile e o festival de comparsas e consolida outras propostas como o obradoiro de xoubiñas.
O Concello do Grove vén de presentar o programa para o Entroido 2019. Un ano máis os pratos fortes da programación concéntranse no Festival de Comparsas, o desfile e o Enterro da Sardiña. O Festival de comparsas celebrarase o sábado 2 de marzo no Pavillón de Deportes do Monte da Vila en el outorgarse o título de Comparsa Campioa do Mundo 2019. Por outra banda, os esforzos tamén se concentran no desfile de Entroido do martes, 5 de marzo no que se repartirán case 3.000 euros en premios.
Estes grandes eventos van acompañados dunha oferta específica para os máis cativos, con distintas festas, obradoiros e concursos, ademais de volver a contar outro ano máis cun obradoiro de Xoubiñas a cargo de Artegrove no que os máis pequenos poderán crear a súa pequena sardiña para acompañar o enterro do venres 8 de marzo.
Debemos destacar que, outro ano máis, son os veciños e veciñas das Vesadas os que están preparando a sardiña do Entroido que estará presente nas distintas actividades que se celebren neses días. Tamén é importante a colaboración dos alumnos e alumnas do Obradoiro de Hostalería do Grove, que impartirán un obradoiro de orellas e filloas nas instalacións da Lanzada, para o que é preciso inscrición previa.
Tamén San Vicente volverá a demostrar a súa importancia nesta festa celebrando, na fin de semana de 9 e 10 de marzo, o seu entroido coa actuación das comparsas e a tradicional queima de o vimbio na zona do Campo da Festa.
Comparsas e fala do Grove
Un ano máis as comparsas seguen crecendo e levantando expectación. Tras a apertura do prazo de inscrición e antes de que este remate o vindeiro luns, 25 de marzo, son 10 as comparsas que teñen feito a súa solicitude. O sorteo da orde de actuación realizarase o martes 26 ás 20.30 horas na Casa do Concello.
Seguindo a liña destes anos a presentación das comparsas será realizada mediante vídeos que nesta ocasión terán como fío condutor “a fala do Grove”, reivindicando as peculiaridades do noso galego e tentando explicar a orixe deses fenómenos. Ademais, durante o festival tamén terán protagonismo os participantes no programa Vellos Tempos do Concello, que estrearán a súa comparsa nun vídeo que se proxectará durante a deliberación do xurado.
Como en anos anteriores o festival será retransmitido en directo a través de Todogrove, inda que, para este ano, se contemplan melloras técnicas como a retransmisión multicámara ou a optmización do son. Tamén se contará cunha pantalla xigante na zona do Pombal para seguir o concurso en directo.