O Grove prepárase para unha das súas festas máis importantes
Fecha: 2019-02-26
Confirmadas 11 comparsas no Festival do sábado, o que supón bater un novo récord no “concurso máis importante do mundo”.
Onte pola mañá pechouse o prazo de inscrición para o Festival de Comparsas do ano 2019. Finalmente, foron once as comparsas que solicitaron participar no concurso, todas elas da localidade, polo que, tal e como se establece nas bases, todas poderán tomar parte no certame, superando as 10 previstas inicialmente.
Na meirande parte dos casos trátase de comparsas tradicionais da vila, inda que destaca a aparición de novas formacións, a maioría de carácter mixto.
Importante traballo de montaxe
O Festival de Comparsas supón o punto máis importante do Entroido do Grove. Para que todo funcione correctamente, os traballadores municipais levan xa días preparando a montaxe os servizos requiridos. Deste xeito, inda que a adaptación do pavillón para este espectáculo comezará o xoves pola mañá, xa se comezou co movemento de materiais.
Os traballos realizados polo persoal municipal consisten na montaxe do escenario e zona posterior deste, a colocación de tarima para protexer a pista de xogo do pavillón e a montaxe de bancadas para completar a capacidade do lugar, conseguindo 1.000 localidades dispoñibles. Tamén resulta de vital importancia todo o valado do perímetro en colaboración coas forzas de seguridade para prever calquera problema e garantir a seguridade do espectáculo.
O Concello do Grove inviste ao redor de 30.000 euros na organización do Entroido, dos cales case unha terceira parte se adica ao Festival de Comparsas.