O Concello do Grove consegue unha rebaixa na factura da recollida de residuos de Sogama
Fecha: 2019-05-02
Os bos resultados en compostaxe e redución de residuos orgánicos permiten reducir nun 10% os gastos destinados aos servizos desta entidade.
O Concello do Grove acaba de asinar un convenio coa empresa Sogama que supón unha redución dun 10% da factura. Este convenio é posible grazas ao cumprimento dunha serie de requisitos técnicos relativos á redución da achega orgánica no lixo xestionado. Esta redución prodúcese polo bo funcionamento do sistema de compostaxe, que permite que o volume final de lixo recollido no Grove por parte de Sogama se teña reducido notablemente.
A redución aplícase nos 400.000 euros da factura anual de Sogama, polo que o Concello aforra 40.000 euros nesta partida. Esta redución será aplicada no recibo final dos veciños e veciñas da localidade. Debe terse en conta que o custo total da xestión de residuos do Grove e, polo tanto, a taxa que paga a veciñanza, é de 900.000 euros (os 400.000 euros de Sogama e os gastos municipais de xestión da recollida). Deste xeito a redución de 40.000 euros repercutirá nos recibos, aproximadamente uns 8.300 que son recadados na localidade. Isto supón, en cifras concretas, que cada veciño do Grove verá reducido o seu recibo en 4,8 euros anuais. A redución será aplicada a partir do segundo semestre deste ano tras a súa aprobación no Pleno desta semana.