Actividades do mes de xuño dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
Fecha: 2019-06-28
O xoves 20 rematou o obradoiro Doulas Sororas, unha escola de formación para mulleres que acompañen a outras mulleres en momentos claves da súa vida. Foi a segunda edición deste obradoiro, a cargo de Beatriz Pirés Laranxeira.
O pasado sábado 22 de xuño, levouse a cabo o Obradoiro de autodefensa física e emocional para mulleres, na antiga escola infantil do Monte da Vila. Levouna a cabo Jatsume Gaínza, creadora do método Sakura, baseado nas súas experiencias ao longo de vinte anos nas artes marciais. Este método recolle consellos prácticos e sinxelos de autodefensa que indican o que se pode facer no caso de se atopar en situacións de risco.
Tamén esta semana, onte xoves e hoxe venres, estase a desenvolver o Obradoiro de cómic feminista, destinado a mocidade de entre 12 e 16 anos. Estao levando a cabo Ticiana Ghiglione Darriba, humorista gráfica e ilustradora.
Hoxe 28 de xuño, Día Mundial do LGTBI, desde o Concello do Grove temos programada a instalación na praza do Corgo duns bancos pintados coas cores da bandeira LGTBI, así como a colocación da bandeira LGTBI no balcón da Casa do Concello. Ambos os actos terán lugar ás 12 da mañá.