A Concellería de Igualdade e o CIM do Concello do Grove presentaron onte ‘Os Bolechas falan de amor no Grove’
Fecha: 2019-12-19
A Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres do Concello do Grove presentaron onte unha nova aventura en banda deseñada dos Bolechas, os personaxes máis coñecidos do debuxante Pepe Carreiro, que vai ser distribuída estes días entre o estudantado de educación infantil e primaria dos centros de ensino da localidade. O conto, cuxo título é Os Bolechas falan de amor no Grove, foi editado en colaboración co propio autor e a Editorial Bolanda e grazas a unha subvención da Secretaría Xeral de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Esta nova historia dos Bolechas, ambientada na nosa vila, trata de traballar a educación afectivo-sexual, a importancia das emocións, o autocoidado, a importancia do respecto cara a unha/un mesma/o e cara ás demais persoas na súa diversidade, sexa esta física, funcional, de orientación sexual etc, así como cara á contorna, incidindo, por exemplo na importancia do coidado do medio, da natureza e tamén dos animais.
No acto interviron Francisco M. Parada, concelleiro de Igualdade do Concello do Grove, Liliana Barral, responsable do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e impulsora do proxecto, e Arximiro Fernández Cabanelas, técnico de normalización lingüística municipal, que colaborou no asesoramento lingüístico e de estilo da obra.