O CONCELLO DO GROVE OFRECE UN COMPLETO PROGRAMA DE ANIMACIÓN Á LECTURA A TRAVÉS DAS REDES SOCIAIS
Fecha: 2020-04-17
Baixo o título #Quedanacasaele o Concello do Grove ofrece un completo programa de animación á lectura en formato dixital a través dos seus perfís de Facebook, Twitter, Youtube e Instagram.
O mes de abril é o mes da lectura. Cada ano, ao chegar esta época, a Rede de Bibliotecas do Grove adoita ofrecer unha completa programacións de animación á lectura con variadas actividades. A pandemia obrigou a toda a poboación a manter o distanciamento social e a pechar as bibliotecas, o que fai imposible ofrecer os servizos dunha forma presencial e imposibilita o préstamo de libros en formato físico polo risco que supón. Pero iso non implicou un parón da actividade, xa que o Concello do Grove segue co fomento da lectura a través das redes sociais, para o que elaborou unha completa programación en formato dixital .
O persoal bibliotecario organizouse para ofrecer servizos e contidos a través das redes socias e desde as casas, que se distribúen todos os días nos perfís de Facebook, Twitter, Youtube e Instagram. Así mesmo, contan cunha importante colaboración das usuarias e usuarios da Rede de Bibliotecas do Grove que participan na realización dos contacontos, nas recomendacións de lecturas, nas actividades e en todas as iniciativas propostas desde as bibliotecas.
Atención telefónica e telemática
O persoal da Rede de Bibliotecas ofrece atención telefónica e telemática para a actualización de carnés e proporción de contrasinais para acceder aos servizos dixitais da Rede de Bibliotecas de Galicia e E-biblio, realización de novos carnés de bibliotecas, información bibliotecaria, resolución de dúbidas...., todo o que precisen os seus usuarios e usuarias.
Unha da primeiras medidas que se tomou foi a de informar a todas as usuarias e usuarios da biblioteca da posibilidade de utilizar a plataforma de GaliciaLe, onde poden descargar aos seus móbiles, tablets ou portátiles libros, revistas e películas, que tamén poden ler ou ver en streaming sen necesidade de descargalas. Así como das páxinas de recursos educativos.
Desde que comezamos co teletraballo foron moitos as usuarias e usuarios que se puxeron en contacto co persoal das bibliotecas a través de e-mail, facebook ou teléfono para facernos chegar as súas dúbidas, preguntar o funcionamento, pedir contrasinais, actualizar carnés de biblioteca ou facelos. Todas e cada unha das persoas que se dirixiron a este departamento viron resoltos os seus problemas e dúbidas.
Contos no sillón. Cada tarde a partir das 17.30 h ofrécese un contacontos preparado polas bibliotecarias do Grove e/ou polos propios usuarios e usuarias da biblioteca, que participan activamente na elaboración de contidos.
Recensión de lecturas. Todas as mañás se publican recomendacións de libros para diferentes públicos e idades, algunhas realizadas polo persoal bibliotecario e outras polas propias lectoras e lectores que nos envían os seus vídeos e nos que participan a rapazada e as súas familias.
Titoriais e actividades. Así mesmo, tamén se publican diferentes titoriais e actividades, recompilación e accesos a recursos dixitais, iniciativas doutros colectivos…
Información sobre recursos on line
Tamén se informa diariamente a través das redes sociais de recursos, actividades e iniciativas gratuítas e en liña de diversos ámbitos culturais: contacontos, visitas virtuais a museos, espazos de descarga libre de películas e series, páxinas de descarga libre de novidades editoriais, concursos e actividades…
Colaboración na atención ás necesidades sociais e educativas
Outras das actuacións realizadas nestas semanas foi a colaboración co departamento de Educación na proporción de material informático para o alumnado que carecía de medios para seguir o curso desde a casa.
Neste sentido, o persoal da biblioteca desprazouse en varias ocasións ata a Casa da Cultura para preparar o material informático do que dispoñía. Un total de 14 portátiles e dúas tabletas foron cedidas temporalmente á Concellería de Educación para poder ser repartidas entre as familias.
A Rede de Bibliotecas do Grove anima a toda a poboación a que a siga nas redes sociais, participe e desfrute:
- Facebook.com/rededebibliotecasdogrove
- Instagram.com/rededebibliotecasdogrove
- Twitter.com/bibliogrove