Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE DESEÑA UN PLAN DE RECUPERACIÓN PARA O COMERCIO LOCAL

Fecha: 2020-04-29

 

As propostas serán presentadas esta tarde nunha primeira reunión coa Asociación Emgrobes.

 

O Concello do Grove leva varias semanas traballando na proposta dun plan estratéxico para a recuperación do comercio local da localidade tras a crise da COVID-19. Deste xeito desde o municipio dispuxéronse recursos para elaborar o referido plan e cóntase xa cun primeiro borrador con propostas concretas. Como se estableceu na dinámica de traballo do goberno, buscouse avanzar en propostas para poder falar de medidas concretas e con orzamentos vinculados, evitando realizar promesas ou traballar en accións sen efectividade ou valor real para os comerciantes.

 

Así, desde o Concello do Grove realizouse un seguimento das medidas adoitadas noutras localidades observando que estas se concentran en cinco liñas de traballo: axudas directas, suspensión ou aprazamento de taxas e impostos, constitución de mesas de traballo, creación de plataformas de venda online e campañas de comunicación e promoción.

 

A este respecto, os orzamentos municipais do Grove non contan con recursos suficientes para achegar axudas directas, medidas que só están sendo aplicadas en concellos de gran tamaño. Con respecto á demanda de suspensión de taxas e impostos –que foron anunciadas nalgúns concellos– o Equipo de Goberno solicitou un informe técnico, recollendo este que a dita medida non é realizable, xa que legalmente non se poden suspender impostos. Para poñer en marcha unha medida deste tipo sería preciso un cambio lexislativo de carácter nacional, existindo só a posibilidade de deseñar un novo calendario fiscal que deberá ser valorado adecuadamente, xa que pode ser contraproducente para os afectados.

 

Noutro bloque de medidas está a configuración de mesas de traballo para valorar propostas, feito que O Grove pode desenvolver de xeito sinxelo mediante a mesa de comercio, na que están representados todos os grupos políticos e todas as asociacións comerciais da localidade. Segundo o estudo de mercado inicial realizado, todo apunta a que a medida fundamental se centrará na creación dunha plataforma centralizada de venda en liña do comercio local que poderá ser reforzada coas correspondentes campañas de comunicación e promoción.

 

Este será o eixe fundamental do Plan estratéxico que esta tarde será debatido coa Asociación Emgrobes, a primeira coa que se reunirán o alcalde e a concelleira de Xuventude e Emprendemento Económico nunha rolda na que se reunirán tamén coas outras asociacións comerciais da vila (Grovemakers e Asociación de Praza de Abastos) e, por supostos, estableceranse as vías de comunicación coa totalidade dos comerciantes da localidade estean ou non nestas agrupacións.

 

O primeiro borrador do Plan estratéxico recolle un plan de actuación en diversas fases e ten como propostas fundamentais o desenvolvemento da Plataforma de venda en liña do comercio local, a busca de solucións para a loxística deste novo servizo de venda, a formación dos comerciantes con respecto a este recurso e o correspondente plan de dinamización e comunicación. Un aspecto fundamental da proposta atópase no feito de que esta plataforma unificaría os comerciantes locais, pero tamén os servizos de hostalería. De feito, esta primeira información pon en marcha –contando xa co plan de desescalada do Goberno central– todos os procesos de xestión dos plans de recuperación para turismo e das medidas de apoio aos cidadáns para a reincorporación á nova normalidade. Nos vindeiros días seguirase avanzando no traballo xestado durante este período, contando sempre cos sectores implicados e buscando iniciativas colaborativas e de transformación dixital que son, sen dúbida, as que poderán funcionar no proceso de recuperación que nos agarda.