O CONCELLO DO GROVE ADXUDICA DE XEITO DEFINITIVO O DESDOBRAMENTO DE BEIRAMAR
Fecha: 2020-05-08
Trátase dun pulo fundamental para que O Grove conte cunha mellora urbanística que permitirá o desconxestionamento do centro urbano.
A mesa de contratación municipal reunida esta mañá realizou a adxudicación definitiva das obras de desdobramento da avenida de Beiramar. Esta adxudicación tan só estaba pendente de informes municipais que, unha vez resoltos de xeito favorable, permitiron finalizar hoxe o proceso para que a empresa adxudicataria dispoña de 10 días para presentar o aval e asinar o contrato. A partir desa data as obras poderían comezar.
Segundo o establecido, estas obras realizaranse en dúas fases, comezandose de xeito inmediato no tramo que vai desde a estación de autobuses ata a coñecida como Fonte dos Cabalos. Este tramos será o máis complexo, xa que ademais da ampliación dos dous carrís realizarase todo o saneamento da tubaxe da zona que, como é sabido, se atopa nun estado lamentable, con continúas roturas. Esta obra tamén supón a ampliación da beirarrrúa fronte ao paseo marítimo, que acadará os catro metros, feito que supón un pulo fundamental para a zona hostaleira e comercial desta rúa.
Calcúlase que estas obras se prolongarán ata finais de xuño ou comezos de xullo, polo que, unha vez rematado este tramo, se pararán ata o mes de setembro, cando se acometerá a segunda fase, que irá desde a Fonte dos Cabalos ao cruzamento coa rúa Castelao. Nesta caso trátase dunha actuación máis sinxela que requirira o recorte de tres metros do ancho do paseo para manter as zonas de aparcadoiro e facer melloras na beirarrúa do outro lado. En toda a zona quedarán dous carrís de circulación.
Trátase, polo tanto, dunha das actuacións máis importantes e con maior implicación urbanística das que foron emprendidas no Grove nos últimos anos e permitirá seguir avanzando na consecución do centro urbano humanizado que contribúa á mellora da área comercial, así como á peonalización e mellora da calidade de vida da e veciñanza e visitantes da zona. Desde o Concello manterase información directa e puntual aos veciños e veciñas e negocios da zona para que coñezan en todo momento a evolución dos traballos.