O CONCELLO CONTINÚA AVANZANDO NA PLATAFORMA DE VENDA EN LIÑA PARA O COMERCIO LOCAL
Fecha: 2020-05-11
O alcalde informou o pasado venres do plan de traballo para as vindeiras semanas e da coordinación desta nova plataforma entre diversos sectores económicos da localidade.
A concelleira de Xuventude e Dinamización Económica, María López, mantivo a pasada semana novas reunións para a concreción do plan de reactivación da economía local que ten como eixe fundamental a creación da plataforma de venda dixital do comercio local. Ademais de reunirse coas asociacións comerciais locais (Emgrobes e Grovemakers), hoxe luns informará as vendedoras e vendedores da praza de abastos, que tamén están incluídos no proxecto. O seguinte paso será informar a totalidade dos comerciantes, tanto os que forman parte como os que non das asociacións, para o cal se empregará o sistema de circular escrita que se distribuirá entre os negocios a partir de hoxe aproveitando a reapertura.
Deste xeito, alén de comezar o censo dos participantes no proxecto, está previsto que tamén esta semana se inicien as formacións para que os profesionais do sector comercial vaian contando con información clara das posibilidades que lles ofrecerá o novo sistema e os obxectivos deste. O Concello pretende así dotar os comercios do Grove dunha nova ferramenta que dinamice a súa actividade lles e faga fronte ás limitacións que, previsiblemente durante varios meses, van ter que afrontar en canto a capacidade e incluso seguridade, facilitándolles o traballo e permitindo que os consumidores sigan comprando no comercio local, evitando a súa fuga cara a plataformas comerciais foráneas.
Todos estes pasos estanse avanzando de xeito paralelo á creación do soporte técnico da plataforma. Os avances no modelo tamén serán puntualmente informados. Debe incidirse en que o Concello do Grove tamén está apoiando as campañas de promoción postas en marcha por iniciativas colectivas privadas como “Merca no Grove” e anima os comerciantes a achegar calquera outra idea que poida enriquecer o plan estratéxico de recuperación que o Concello está poñendo en marcha.