O CONCELLO AMPLÍA OS RECURSOS PARA GARANTIR O ACCESO Á EDUCACIÓN DE TODA A RAPAZADA DA VILA
Fecha: 2020-05-13
Adquiridos novos equipos informáticos para cedérllelos a familias sen recursos.
O Concello do Grove adquiriu catro novos portátiles para a súa cesión a aquelas rapazas e rapaces que os precisen para seguir a súa formación desde a casa. O Concello comezou co préstamo de equipos informáticos cando se decretou o estado de alarma, facilitando 18 equipos (portátiles e tablets) que xa eran propiedade do Concello. Este material informático deixóuselle ás nenas e nenos que non contaban cos el e que podían verse agraviados na súa formación por esta carencia.
Desde a Concellería de Educación realizouse un seguimento permanente das posibles necesidades e detectáronse novas demandas. Debemos ter en conta que este problema está sendo atendido polo Concello e polos institutos, que tamén cederon 40 equipos, porén, a Xunta de Galicia tan só facilitou seis equipos (tres en cada centro de educación secundaria), o que resulta claramente insuficiente. Por tal motivo, mercáronse catro novos ordenadores portátiles, tres deles con cargo aos orzamentos municipais e un cuarto cos fondos do premio do Concurso de Comparsas que cedeu A Tropa de Moncha A Caralla.
O Concello do Grove lembra que aínda se conta con tablets dispoñibles, por se se producen máis demandas, e que continúa co servizo de reprografía para o material escolar, que neste momento lles dá servizo a oito familias de xeito personalizado. O obxectivo final desta acción é garantir a igualdade de todo o estudantado no acceso á formación e evitar que se produzan disonancias no proceso educativo por mor da crise do coronavirus.