O CONCELLO COMEZA O PLAN REFORZADO DE LIMPEZA DO MUNICIPIO
Fecha: 2020-05-14
Débeselles facer fronte ás deterioracións ocorridas durante o longo período de confinamento, polo que se reforzarán todos os plans previstos.
O Concello do Grove puxo en marcha esta mesma semana un Plan reforzado de limpeza que pretende facerlles fronte aos problemas causados pola redución de persoal e servizos durante a corentena. Abordaranse tres áreas de traballo fundamentais, a primeira das cales vai ser a posta en marcha das medidas de roza e limpeza de terreos privados. Para este fin, foi publicado o correspondente bando de requirimento xeral de limpeza da maleza das terras en solo urbano e núcleo rural e informouse de que a Policía Medioambiental da localidade revisará que se cumpra esa obriga.
De xeito simultáneo, e como segunda liña de actuación, o Concello está traballando na limpeza de terreos públicos. Coa disposición da maquinaria da Deputación, esta semana comezarase a rozaen zonas rurais e xa se tramitou a solicitude de reforzo das cuadrillas de limpeza coa demanda de oito peóns adicionais que se agarda que poidan ser contratados coa maior celeridade. Mentres tanto, estanse a organizar as cuadrillas existentes e vaise analizar a contratación puntual de empresas externas que poidan abordar a “primeira limpeza” dos espazos que se atopan máis deteriorados (parques e zonas forestais con maleza moi crecida).
A todo este amplo e intenso programa de limpeza hai que engadirlle unha terceira liña de traballo, a desinfección, que deberá facerse de xeito máis intenso e con carácter permanente. Así, a limpeza de rúas que se realiza a diario ás 7.00 horas, distribuíndo 11.000 litros de líquidos desinfectante, manterase durante todos os días do presente ano. A isto hai que engadirlle a disposición de puntos de distribución de xel hidroalcólico nos edificios públicos e estase estudando a posibilidade de estender a súa colocación tamén en espazos de esparexemento común, como certas prazas e parques. Ademais destas medidas, o Concello incluirá un plan pedagóxico moi intenso para informar a veciñanza en xeral, pero facendo especial fincapé no comercio e na hostalería para que se intensifique a limpeza e o control hixiénicos en espazos pechados.
O Concello do Grove agradece a colaboración e a comprensión da cidadanía durante estes meses nos que se produciu unha deterioración de certas zonas e pide a colaboración e o traballo en común para poñer a vila a punto para a volta á normalidade.