O CONCELLO DO GROVE REABRE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS
Fecha: 2020-06-08
A partir de mañá poderán volver a practicarse pádel e ximnasia rítmica, entre outras actividades.
O Concello do Grove continúa co plan de desescalada permitindo a reapertura de instalacións deportivas coas conseguintes limitacións e precaucións. De xeito previo realizáronse limpezas en profundidade destes espazos para telos adecuadamente desinfectados de cara á fase tres, cando comezarán as actividades individuais ou cun número reducido de deportistas (os deportes de equipo aínda agardarán uns días para retomarse).
Así pois, hoxe mesmo púxose en marcha a aplicación móbil que permite realizar a reserva das pistas de pádel. Estas serán reservadas de xeito intercalado, deste modo non se poderán empregar as tres pistas no mesmo horario, pois sempre se deixará un oco para a súa desinfección alterna. Ás pistas de pádel só poderán acceder as persoas usuarias (catro por pista) coa correspondente reserva previa. Na aplicación xa constan os horarios dispoñibles, contando co tempo de desinfección previsto.
Ademais das pistas de pádel, retomaranse actividades no pavillón de Conmeniño. Neste caso, para o club de ximnasia rítmica, que volverá a adestrar en grupos de catro persoas. Os vestiarios só poderán empregarse para cambiarse por quendas e está prohibido o uso das duchas. Igual sucede no pavillón de deportes náuticos, con vestiario para cambios por quendas e acceso ao ximnasio para persoas adultas tamén por quendas.
Os clubs de remo Mecos e Amegrove tamén volven ás súas actividades esta semana. En todos os casos, o Concello do Grove elaborou protocolos de comportamento para garantir a seguridade –dispoñibles nas propias instalacións e nas redes sociais-, ademais de poñer á disposición do público dispensadores de xel hidroalcólico con pedal nos accesos ás instalacións deportivas (como se pode ver nas imaxes).