O CONCELLO DO GROVE REABRIRÁ A RÚA ALEXANDRE BÓVEDA O LUNS
Fecha: 2020-06-19
A obra quedará pendente só do remate das beirarrúas dun dos lados da estrada.
Tras a realización do formigonado da rúa durante estes días, a empresa construtora encargada da obra de acondicionamento da rúa Alexandre Bóveda acaba de confirmar que a vía poderá reabrirse xa arranxada para o tráfico o vindeiro luns. Deste xeito tamén recuperarán a súa dirección habitual as rúas que a viron modificada durante esta semana debido ao peche de Alexandre Bóveda, polo que se recuperará a normalidade de circulación da zona.
Así pois, a obra queda practicamente rematada e tan só pendente dos remates dun dos lados das beirarrúas. O alcalde do Grove realizará reunións este domingo, luns e martes para tentar pechar as cesións pendentes e poder así rematar en condicións este espazo, que xa non influirá no tráfico de vehículos, inda que si no de persoas. Trátase dunhas obras que resultaron accidentadas e complexas e polas que o Concello xa pediu desculpas, pero que se agarda que, finalmente, dean lugar ao resultado que merece toda a veciñanza.