O CONCELLO DO GROVE CONVERTE, UN ANO MÁIS, A PRAIA DA LANZADA NUN REFERENTE DE LIMPEZA E COIDADO MEDIOAMBIENTAL
Fecha: 2020-08-08
A colaboración coas distintas organizacións de preservación medioambiental coloca A Lanzada na vangarda do coidado e da loita polo futuro dos nosos ecosistemas.
O Concello do Grove continúa traballando no coidado do noso ecosistema, tendo na praia da Lanzada un referente fundamental de como se deben coidar os areais e da xestión do espazo natural protexido prioritario. Unha semana antes do comezo do estado de alarma desenvolveuse, nun programa organizado por SEO/Birdlife, Abanca e coa colaboración do propio Concello, unha acción de retirada de lixo no areal. Ao igual que en anos anteriores, conmemorouse o Día Internacional do Voluntariado, no que SEO/Birdlife e a Fundación Telefónica levan máis de 15 anos organizando limpezas da praia da Lanzada.
Nestas actividades, ademais da propia limpeza de refugallo, desenvólvense proxectos de divulgación nos que se informa sobre a problemática das plantas exóticas invasoras nas dunas e sobre as medidas de conservación que se están levando a cabo neste areal. En todo momento hai un protagonista fundamental, a píllara das dunas, unha especie vulnerable en Galicia e que depende do espazo dunar da praia da Lanzada para se reproducir.
O lixo é, sen dúbida, o principal problema co que se ten que loitar neste momento, e iniciativas como o proxecto “Libera, unidos contra a basuraleza”, organizado por SEO/Birdlife e Ecoembes, buscando unha natureza sen lixo, contribúen a acabar co grave problema que supón o abandono de lixo e de residuos nos espazos naturais protexidos. Inda que o proxecto tivo que ser adiado por mor da pandemia, xa se conta cun prototipo de madeira para a colocación dos denominados “bigbags”, onde as persoas que recollen o lixo da praia durante o outono e o inverno poden depositar os residuos nas entradas das praias. Estes “bigbags” non se empregarían durante o verán, xa que se conta con servizo de recollida e limpeza, e a gran cantidade de persoas nos areais podería causar problemas na xestión separada dos residuos.
Todas estas actividades, e as distintas iniciativas desenvoltas polo Concello, colocan á praia da Lanzada como pioneira na xestión e concienciación medioambiental. No seu momento, medidas como a non recollida das algas ou a eliminación das papeleiras do areal foron discutidas e postas en cuestión, mais a día de hoxe son imitadas en todos os concellos de litoral de España, ao priorizarse o coidado do medio ambiente fronte á explotación excesiva do espazo. En todos os casos búscase unha convivencia equilibrada entre o desfrute da praia e o coidado do futuro do ecosistema, que resulta fundamental para a paisaxe e os recursos do Grove.