Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Poda de árbores

Fecha: 2010-11-25

Estes días a Concellería de Limpeza está a podar as árbores (plataneiros) que están situadas no Corgo e anteriormente estivo realizando unha poda de mantemento nas da Praza de Arriba.

 

Podouse nesta época, como todos os anos, por diversas razóns: é no inverno cando se pode ver mellor a armazón das ramas e, polo tanto, é máis fácil elixir o que se corta e o que non, o zume paralízase e diminúe a actividade de certo tipo de fungos que poden aproveitar precisamente as feridas dos cortes  para infectar os exemplares.

Realmente, a xestión dos recursos municipais con referencia á poda é a seguinte: desde sempre realizáronse as podas ao longo dos anos cun importe aproximado entre 7 000 e 8 000 euros anuais. Deses cartos, aproximadamente 3 000 correspondían ao alugamento dunha trituradora que  era destinada á eliminación dos residuos (ramas) xerados polo propio proceso de corta. A concellería buscou a maneira de poder mercar unha trituradora para aforrar estes custos e reducir o montante final. Tras unha serie de xestións, logrouse a través dunha subvención a adquisición desta maquinaria. Isto supuxo que o que se lle tivo que pagar a unha empresa en 2009 (7 000 euros) se reducise a 4 000 euros. Este ano decidiuse investir a maioría deses cartos en novas contratacións para xerar máis traballo entre a veciñanza do Grove e poder así contratar dúas persoas que fixesen este labor. Por tanto, durante estes meses levarase a cabo a poda e o acondicionamento de todos aquelas árbores que precisen unha corta de mantemento, como en anos anteriores.

 

Esta semana os operarios encargados deste labor estarán en San Vicente acondicionando as árbores que están en fronte da Casa da Cultura Ángel Vázquez Hereder.