O CONCELLO E OS COLEXIOS PÚBLICOS FARÁN UNHA FRONTE COMÚN PARA UNHA VOLTA ÁS CLASES SEGURA DOS MENORES DA LOCALIDADE
Fecha: 2020-08-28
O Concello xa estableceu contacto cos distintos centros educativos e manterase unha liña de traballo e directa colaboración co profesorado e as ANPA.
O Concello do Grove estivo en contacto esta semana cos centros educativos públicos da localidade para abordar a volta ao colexio de setembro, tendo en conta a falta de información e de apoio da administración autonómica, quen ten as competencias ao respecto. O protocolo presentado pola Xunta supón un verdadeiro esforzo económico e non conta con garantías claras para un adecuado desenvolvemento das clases nin para a correcta atención a todo o alumnado.
Ante esa situación, o Concello xa se coordinou cos centros e, a partir do 1 de setembro (cando se incorpora a totalidade dos docentes logo do período de vacacións), establecerase unha mesa de traballo na que o ente local se pon á disposición dos centros para tentar facer viable e o máis segura posible esta volta ao colexio tan atípica. Dende o goberno local considérase fundamental a colaboración de pais, nais e docentes, que serán quen realmente vivan e teñan que xestionar o problema ao que nos enfrontamos. Por todo iso, será fundamental a achega e o traballo común de todas e todos para lle facer fronte a esta situación.