Exhibición de cocina en vivo
Fecha: 2010-12-02
O programa de actos das VIII Xornadas Gastronómicas de Exaltación da Centola, que se desenvolven no Grove dende o pasado luns 29 e ata o vindeiro mércores 8 de decembro, celebrou hoxe outra das súas actividades no centro de vacacións da Lanzada.
O alumnado da Escola Obradoiro de Hostalería do Salnés III foi o responsable dunha exhibición de cociña ao vivo, realizada en colaboración coa Concellería de Turismo do Concello do Grove, que deu comezo ás once da mañá nestas instalacións. Os integrantes do módulo de cociña encargáronse de preparar diante dos asistentes, baixo a supervisión do profesor Francisco Caneda, un total de catro innovadores pratos que tiñan como base este crustáceo. Así, os diferentes representantes do sector hostaleiro presentes nesta xornada puideron degustar o centolo nunha ensalada de pel de calabacín, cenoria e vinagreta natural; unha tortilla en deconstrución con centolo; un salteado de centolo con pasta fresca e albaca e un capuchino de centolo. Estes pratos foron servidos aos asistentes a esta xornada polos alumnos e alumnas da especialidade de ‘camareiros de restaurante bar’, mentres que os integrantes do módulo de ‘camareiro de piso’ foron os responsables dos arranxos decorativos e do acondicionamento xeral das instalacións.
Cabe resaltarse para a elaboración destes pratos foron empregados os exemplares que resultaron premiados no Concurso de Centola Viva, celebrado na tarde de onte na lonxa do Grove.
Tras esta exhibición de cociña, o programa desta xornada continuou con outra exhibición, esta vez de corte de xamón, a cargo do campión galego de cortadores no ano 2009, José Manuel Míguez Cid ás 11.45 horas. Media hora despois deu comezo un relatorio de José Soto Soengas sobre novas tendencias no mundo dos cócteles, e a continuación Sergio Soto realizou unha exhibición de coctelería. Para as 13.30 horas estaba prevista unha visita aos stands instalados neste centro de vacacións polas diferentes empresas colaboradoras que axudan á celebración deste evento, e a xornada pecharase as 14.30 horas tras o remate dunha “flair exhibition”, unha espectacular maneira de facer cócteles con malabarismos, a cargo de Carlos Abilleira e Pedro Elexpuru.