O CONCELLO DO GROVE PORÁ AUTOBUSES PARA ACUDIR ESTE DOMINGO A SANTIAGO DE COMPOSTELA Á MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA E POLA RECUPERACIÓN DA ATENCIÓN PRIMARIA
Fecha: 2021-11-09
Sairán ás 10.30 h da estación de autobuses e cómpre inscribirse previamente.
O Concello do Grove ten trasladado en reiteradas ocasións o malestar pola atención primaria que recibe a súa veciñanza por parte do Sergas. Tras a inacción por parte da Xunta e a crispación e a impotencia coa que a poboación está vivindo as difíciles situacións que se producen diariamente no centro de saúde do municipio, a corporación local acordou no último pleno sumarse á convocatoria de manifestación feita pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia para o vindeiro domingo 14 de novembro, ás 12:00 horas, na Alameda de Santiago de Compostela, unha mobilización en defensa da sanidade pública e da atención primaria, para visibilizar e reivindicar o malestar co que está convivindo acotío o pobo do Grove.
Para facilitarlle á veciñanza poder acudir a este acto, o Concello fretará autobuses gratuítos a Santiago de Compostela, cuxa saída esta programada o mesmo domingo 14, ás 10.30 h, desde a estación de autobuses do Grove.
Co fin de que todas as persoas interesadas teñan praza, deben inscribirse previamente na OMlX, situada no segundo andar da Casa do Concello, ou nos teléfonos 886 214 933 e 986 730 609, en horario de 9.00 a 14.00 h, para o que facilitarán o seu nome e apelidos, DNI e número de teléfono. Os menores deberán ir acompañados por unha persoa maior de idade e facilitar o número de teléfono e o DNI da súa persoa responsable. Prégase a inscrición o antes posible para organizar os desprazamentos da maneira máis funcional.