O CONCELLO DO GROVE CONVOCA A SEGUNDA EDICIÓN DO CONCURSO DE ESCAPARATES DE NADAL
Fecha: 2021-11-16
O Concello do Grove convoca a segunda edición do concurso de escaparates de Nadal dirixido ao comercio local.
Ao igual que o pasado ano, a finalidade deste concurso é potenciar a imaxe comercial do municipio, para animar a veciñanza a se achegar a visitar os escaparates e, como non, a realizar as compras do Nadal no comercio de proximidade, que ofrece unha ampla e variada oferta de produtos e servizos para todos os gustos e idades.
Concederanse un total de 10 premios de 300,00 €, que deberán ser investidos no comercio do Grove.
O tema deberá estar relacionado co Nadal e valoraranse aspectos como a presentación, a creatividade e a orixinalidade, a iluminación, así como a utilización dos artigos do establecemento e de motivos do Nadal tradicional.
As datas de exposición serán as comprendidas entre o 27 de novembro de 2021 e o 6 de xaneiro de 2022, ambas incluídas.
O prazo de inscrición estará aberto desde a publicación das presentes bases na web municipal (www.concellodogrove.es) ata o 26 de novembro de 2021, incluído.
A inscrición é gratuíta. Para participaren, os establecementos interesados terán que cubrir a folla de inscrición neste concurso, que estará á súa disposición na páxina web municipal do Concello do Grove, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey ou no enderezo electrónico casadacultura@concellodogrove.es.