O CONCELLO DO GROVE DESEÑA UNHA PROGRAMACIÓN PARA QUE PEQUENOS E MAIORES GOCEN DO NADAL
Fecha: 2021-12-09
O Concello do Grove programa para as vacacións de Nadal unha atractiva programación de actividades e actuacións para todas as idades, co obxectivo de que grandes e pequenos gocen destas festas, que mestura contacontos, cinema e outras sorpresas para aproveitar ao máximo as vacacións en familia.
A programación de Nadal xa comezou coa exposición do IX Concurso de Pintura Ernesto Goday, ata o 10 de xaneiro na Casa de Cultura Manuel Lueiro Rey e continúa coa acendido da iluminación de Nadal que terá lugar o 4 de decembro.
Para fomentar o uso do idioma e entre a infancia vólvese a apostar pola iniciativa “Aos Reis Magos en Galego”. O persoal de cultura repartirá o vindeiro xoves nos centros educativos da vila un modelo de carta aos Reis Magos en galego para que poidan pedir os seus agasallos. Os nenos e nenas tamén poden solicitar as cartas en calquera das dúas bibliotecas municipais e facer uso da caixa de correo instalada na biblioteca municipal do Grove.
O sábado 18, ás 12.00 h, terá lugar na Sala das Cunchas da Casa do Concello a entrega dos Premios Manuel Lueiro Rey de Novela Curta e, ese mesmo día pola tarde xuntarase o xurado para ditaminar a obra gañadora da edición deste ano.
O domingo 19 de decembro será outro día de gran actividade cultural. Ás 12.00 h terá lugar na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey a entrega dos Premios de Pintura Ernesto Goday. Xa pola tarde, no mesmo sitio, o público infantil e familiar poderá asistir á representación da obra “Rosalía” a cargo de Culturactiva e patrocinado pola Deputación de Pontevedra.
Xa o xoves 23 de decembro, o público infantil poderá participar no scape room “Atrapados con Harry Potter” a cargo de Ceo Aberto. As prazas son limitadas, polo que será necesaria inscrición previa.
Así mesmo, o xoves 30 de decembro terá lugar un cantacontos moi especial, “Leváideme a Belén”, a cargo de Andrea Búa e Roberto Comesaña, dirixido a público familiar. Todas e todos os que queiran asistir deberán facer inscrición previa.
A programación complétase con proxección de cinema infantil os días 27 e 28 de decembro e 3 de xaneiro na biblioteca municipal do Grove.