A CASA DA CULTURA MANUEL LUEIRO REY ACOLLE UNHA INTENSA FIN DE SEMANA CULTURAL
Fecha: 2021-12-13
O Concello do Grove ofrecerá esta fin de semana unha intensa programación cultural.
O sábado 18 de decembro, ás 12.00 h, terá lugar na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey a entrega dos dous últimos Premios Manuel Lueiro Rey, que non puideron ser entregados por mor da pandemia. Ignacio Vidal Portabales foi o gañador da XXVI edición do Premio coa obra Lara e Sabela e Antonio Piñeiro gañou a XXVII Edición coa obra Trávelin.
Xa pola tarde, ás 16.30 h, no mesmo lugar, terá lugar a xuntanza para ditaminar a obra gañadora da XXVIII Edición do Premio Lueiro de Novela Curta. O xurado estará integrado polo gañador da anterior edición e especialistas do mundo da literatura galega en representación do Concello e da Editorial Xerais, Antonio Piñeiro; Ánxela Gracian; Armando Requeixo; Carmen Ferreira e Héctor Cajaraville.
O domingo 19 de decembro, ás 12.15 h, a Casa da Cultura acollerá outra dobre entrega de premios do Concurso de Pintura Ernesto Goday, a Miguel Anxo Macía, gañador da VIII Edición coa obra Testemuña: idiosincrasia da romería na Lanzada, e a Julio César García Somoza, gañador da IX edición coa obra Tornado.
O mesmo domingo pola tarde, ás 18.00 h, ofrecerase na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey a obra de teatro Rosalía, a cargo de Culturactiva e financiada pola Deputación de Pontevedra. Rosalía é un achegamento teatral á vida e obra de Rosalía de Castro pensada para nenas e nenos e para as súas familias e representada por unha equipa de mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras. As prazas son limitadas, polo que será necesaria inscrición previa nas bibliotecas, no correo electrónico biblioteca@concellodogrove.es ou nas redes sociais.