O CONCELLO ACOMETERÁ EN XANEIRO AS OBRAS DE MELLORA DOS PARQUES DO CORGO E DE TERRA DE PORTO
Fecha: 2021-12-14
Estas actuacións súmanse ás xa desenvolvidas dentro do Plan municipal de renovación e conservación das zonas colectivas, parques e áreas de esparexemento do Grove
As concellerías de Mantemento de Parques e Xardíns e de Deportes do Concello do Grove informan da adxudicados dos proxectos de reforma dos parques do Corgo e de Terra de Porto.
Por unha banda, no parque do Corgo vaise cambiar o chan de caucho da zona infantil, que debido ao seu mal estado actual xa provocou algunha caída da rapazada. Esta obra, que ten un custo de 36.000 euros, está financiada polo Plan Concellos da Deputación Provincial de Pontevedra. Por outra, nas instalacións deportivas ao aire libre de Terra de Porto acometerase o cambio do céspede artificial da cancha de fútbol, que despois de once anos de uso presenta serias deterioracións. Neste caso a mellora custará preto de 40.0000 euros e será sufragada con fondos do propio Concello. Ambas as dúas obras comezarán o vindeiro mes de xaneiro de 2022.
Finalmente, cómpre lembrar que nestes momentos se está a traballar na mellora do parque de Confín, outra das actuacións subvencionadas a través do Plan Concellos, cuxas obras avanzan a bo ritmo.