Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO AUMENTARÁ ESTES DÍAS OS CONTROIS PARA GARANTIR O CUMPRIMENTO DAS MEDIDAS ANTICOVID NA HOSTALERÍA

Fecha: 2021-12-17

 

Debido á alta incidencia da Covid-19 que se está a dar estes días en Galicia en xeral e no Grove e na súa área sanitaria en particular, o Concello anuncia que de cara ás próximas festas do Nadal vai poñer en marcha un plan de reforzo para o control da seguridade anticovid nos locais de hostalería do municipio co fin de constatar o cumprimento das medidas sanitarias de protección que están aprobadas actualmente pola Xunta de Galicia, como a petición do pasaporte Covid ou o uso da máscara para permitir o acceso a estes establecementos. Así pois, a Policía Local do Grove, en colaboración coa Garda Civil, incrementarán nestas datas as inspeccións e os controis do cumprimento de todas as medidas antipandemia, incluídas as capacidades máximas permitidas e os horarios de peche, nomeadamente nos locais de ocio nocturno.

 

Cómpre engadir que a partir da entrada en vigor dos decretos publicados nas últimas horas no Diario Oficial de Galicia (DOG), a obrigatoriedade do cumprimento destas medidas preventivas de seguridade sanitaria tamén se estende a outro tipo de locais e actividades, como por exemplo ximnasios, centros deportivos ou actos masivos, que tamén se controlarán.

 

Desde o Concello pídese a máxima colaboración, tanto dos profesionais destes sectores como da súa clientela ou persoas usuarias, para o cumprimento destas medidas sanitarias, pois de todas e todos nós depende poder ofrecer maior seguridade ante o coronavirus na nosa vila.