Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE PON EN MARCHA OS 'SÁBADOS CREATIVOS XUVENÍS', ACTIVIDADES DE LECER DESTINADAS Á MOCIDADE

Fecha: 2022-05-06

 

Desenvolveranse os sábados desde mediados de maio ata mediados de xuño.

 

O Concello do Grove, a través da Concellería de Xuventude, organiza o programa para a mocidade “Sábados creativos xuvenís”, que abarca un conxunto de sete actividades dirixidas prioritariamente á xente nova do concello do Grove.

 

O venres 13 de maio, ás 16.30 horas, arrancará o programa co Roteiro medioambiental con Adelina, unha ruta guiada por lugares naturais da nosa vila para aprender a identificar plantas e outros recursos e explicar os seus usos en agricultura ecolóxica, permacultura e biodinámica, así como as súas propiedades culinarias e medicinais. Esta ruta completarase cunha xornada práctica ao día seguinte.

 

Así, o sábado 14 de maio, ás 16.30 horas, desenvolverase a Xornada práctica na horta ecolóxica “Finca Con da Santa”, onde a súa propietaria, Adelina, porá en práctica os coñecementos adquiridos no roteiro do día anterior. Ademais, as persoas participantes poderán ter a experiencia de poder plantar algunha árbore froiteira e incluso levarán unha planta ecolóxica de recordo. Para isto, aconsellamos que cada persoa leve un testo de tamaño pequeno para poder transportala.

 

O sábado 21 de maio, de 15.00 a 21.00 horas terá lugar un Obradoiro de fotografía dixital, no que a fotógrafa Nuria Atanes lles aprenderá ás persoas participantes a manexar ben as súas cámaras de fotos e tamén as cámaras dos seus móbiles, a editar estas fotos en diferentes “apps” e a coñecer as distintas opcións que posúe cada cámara. Faranse prácticas de fotografía no exterior.

 

O último sábado de maio, día 28, ás 16.00 horas, a empresa local Monte das Flores impartirá o Obradoiro de okedamas, que ensinará a colocar de forma artesanal unha planta nun testo orgánico de musgo en forma de bóla segundo unha técnica tradicional xaponesa.

 

Xa no mes de xuño, o sábado 4, ás 9.00 horas, a empresa local Carracuca Arte & Artesanía impartirá o Obradoiro de acuarela creativa, no que lles ensinará aos asistentes a utilizar a acuarela dun xeito innovador e moderno, creando texturas e acabados que non se dan con outras técnicas. Tamén se fará unha breve introdución a temas como a composición, a harmonía, a paleta de cores etc.

 

O sábado 11 de xuño, ás 16.00 horas, a emprendedora do Grove Jenny Martínez ensinaralles ás persoas participantes no Obradoiro de xoiería creativa con resina acrílica a manexar este material non tóxico, duradeiro e resistente, para crear todo tipo de xoias e a mesturalo con outros materiais para obter distintos acabados.

 

Estas xornadas xuvenís rematarán o sábado 18 de xuño, ás 16.00 horas co Obradoiro de cociña saudable, a cargo da técnica en dietética e nutrición Sara García, quen dará pautas para elaborar un prato equilibrado, ensinará a ler o etiquetado dos produtos e axudará a elaborar diferentes pratos doces e pasteis saudables.

 

Para participar en calquera destas actividades dos “Sábados creativos xuvenís” é necesario inscribirse previamente na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), situada no segundo andar da Casa do Concello, no teléfono 986 730 609 ou a través do correo electrónico omix@concellodogrove.es. Cada actividade ten un límite de prazas, que se cubrirán de modo prioritario con mocidade do municipio do Grove de entre os 12 e os 35 anos. Con todo, no caso de que se dispoña de prazas libres, poderán anotarse persoas con outro perfil, polo que se anima a todas as persoas interesadas nestas actividades que non dubiden en facer a súa inscrición.