O CONCELLO DO GROVE OFRECERÁ DURANTE A SEGUNDA QUINCENA DE OUTUBRO DIVERSAS ACTIVIDADES PARA A RAPAZADA
Fecha: 2023-10-17
O Grove, 16 de outubro de 2023.- O Concello do Grove continúa a súa programación de outono-inverno con diversas actividades dirixidas a público infantil que se desenvolverán durante esta segunda quincena de outubro
Celebración do Día da Biblioteca
A Rede de Bibliotecas celebrará o Día Internacional da Biblioteca con dous espectáculos e visitas escolares.
O venres 20 de outubro a partir das 11.30 h na Biblioteca Municipal do Grove, terá lugar o espectáculo teatral “A máquina do tempo” a cargo de Teatro Ghazafelhos, dentro do Programa Ler Conta Moito. A este espectáculo asistirán 128 nenas e nenos de 1º,2º,3º e 4º de Educación Primaria do CEIP Rosalía de Castro.
O xoves 28 de outubro, tamén dentro do Programa Ler Conta Moito, ofrecerase na Axencia de Lectura de San Vicente o espectáculo de monicreques “A nena que rega a alfabaca e o príncipe preguntón ” a cargo de Viravolta Títeres. A esta actividade asistirá todo o alumnado de Educación Infantil e Primaria do CEIP As Bizocas.
As actividades completaranse con exposicións literarias, visitas escolares e talleres.
Proxección de Valentina
O xoves 26 de outubro, dentro do ciclo de cinema galego Mestre Mateo, proxectarase no Auditorio do Grove a longametraxe Valentina á que asistirán 350 alumnas e alumnos de Educación Primaria do CEIP Rosalía de Castro e do CEIP Valle-Inclán.
Noite de Meigas, Curuxas e Bruxas.
Despois de tres anos sen celebrarse, a Biblioteca Municipal do Grove recobra este ano a actividade “Noite de Meigas, Curuxas e Bruxas” que terá lugar o 31 de outubro de 20.00 a 00.00 h. A actividade contará con diferentes obradoiros, sesión de contos, música e outras sorpresas.
Está dirixido á rapazada de 5º e 6º de Educación Primaria.
As prazas son limitadas e, para asistir, deberán realizar a inscrición na Biblioteca Municipal do Grove cubrindo o correspondente formulario.