O CONCELLO DO GROVE CONTINÚA COA PROGRAMACIÓN DO AUDITORIO DO GROVE DURANTE OS MESES DE NOVEMBRO E DECEMBRO
Fecha: 2023-11-08
O Grove, 8 de novembro de 2023.- O Concello do Grove continúa coa programación do Auditorio do Grove durante os meses de novembro e decembro
Programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios
Despois dos espectáculos O mozo da última fila e The Show Moscón o auditorio acollerá tres novas representacións. As entradas pódense retirar na Biblioteca Municipal do Grove os días previos á representación ou o propio día no Auditorio
Iphixenia na porta do super. 18 de novembro 20.00 h.
A compañía formada por Antela Cid e Fran Peleteiro produce este espectáculo, recomendado para maiores de 12 anos, dirixido por Sara Rey Seoane, unha das directoras seleccionadas polo Centro Dramático Galego para a súa última montaxe, e interpretado pola grovense Alba Caneda, unha nova promesa da interpretación saída das últimas promocións da ESAD de Galicia.
"Iphixenia na porta do súper" é unha crítica aos recortes nos servizos públicos, sobre todo na sanidade, que fai un paralelismo entre o mito clásico de Iphixenia e unha rapaza de barrio actual. "Iphixenia na porta do súper" é unha revisión contemporánea do mito clásico de Eurípides. Unha brillante versión que, desde a súa estrea, está a acadar excelentes críticas.
Rock& Magic. 2 de decembro, 18.00 h.
Espectáculo de maxia dirixido a público familiar. ROCK & MAGIC é o resultado de 30 anos de maxia e Rock & Roll, un espectáculo que mestura as dúas principais paixóns do Mago Teto: o rock e a maxia, cargado de ilusións, ritmo, humor e moita, moita tralla. Un espectáculo con música interpretada en directo: hits, temazos e verdadeiros incunables que os maiores levan gravados a lume na súa memoria e teñen que dar a coñecer aos seus fillos e fillas.
Síbaris. 9 de decembro, 20.00 h.
Peza teatral da compañía Con de tres pés dirixida por Lois Blanco e cun magnífico elenco artístico formado por Carlos Blanco, Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novoa.
Síbaris é o único texto teatral escrito polo autor galego Domingo Villar. A obra, que será estreada en breve, representarase no Auditorio do Grove o sábado 9 de decembro de 2023.
Programa tornar as táboas
Dentro do programa tornar as Táboas, subvencionado pola Deputación de Pontevedra ofrecerase unha nova peza teatral
Bernarda. 26 de novembro, 19.30 h
A compañía Malasombra producións achegará ao Auditorio a obra Bernarda, un drama con moito humor dirixida por Jose prieto e Xoque Carbajal e cun extraordinario elenco formado por Luisa Mereas. Esther Aja e Celia González.
A peza, recomendada para maiores de 14 anos, foi candidata aos XIV Premios Max, Premio do público na XLI Mostra de Teatro Galego de Cariño, e Premios María Casares ao Mellor Espectáculo, Mellor Texto orixinal, Mellor dirección e Mellor actriz secundaria.
Isto é Rock. 22 de decembro, 19.30 h
Un concerto familiar con sabor a solidariedade para axudar a outras familias
A grovense Carolina Rubirosa xunto coa súa banda e o escritor Javier Becerrá nos achegarán a un divertido e emocionante repaso pola historia da música rock en familia.
Javier narra, Carolina toca e canta, xuntos contaxian aos pequenos o amor pola música e as súas grandes iconas acompañadas dunha formidable banda de rock n’roll. Trátase dun espectáculo baseado no libro Isto é rock! pero cun toque do Nadal para iniciar ao ritmo da mellor música as vacacións desta marabillosa época do ano.
O concerto chega acompañado de solidariedade para axudar aos máis desfavorecidos. As familias que desexen asistir deberán retirar os seus convites na Biblioteca Municipal do Grove e deixar, a cambio, alimentos para Cáritas. A organización necesita alimentos non perecederos e, a poder ser, algún alimento non perecederos de Nadal.