JOSÉ CAROU REY GAÑA A XXXI EDICIÓN DO PREMIO DE NOVELA CURTA MANUEL LUEIRO REY
Fecha: 2024-12-05
O Grove, 05/12/2024.- José Carou Rey ven de gañar a XXXI Edición do Premio de novela curta “Manuel Lueiro Rey”.
O Premio de novela curta “Manuel Lueiro Rey” é un premio literario convocado polo Concello do Grove dende 1992, que conta coa colaboración do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, co obxectivo da convocatoria é honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores.O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia.
O xurado do premio composto por Armando Requeixo, Ánxela Gracián, Carmen Ferreira Boo, Sara Vila Alonso (en representación da Editorial Xerais) e Alberto Mancebo Soto (gañador da anterior edición) reuniuse na tarde do 4 de decembro para ditaminar esta XXXI edición do Premio.
Despois de dúas horas de deliberación o Xurado, por maioría, acordou declarar como gañadora da presente edición a novela presentada baixo o título a concurso Ventre de Madeira co lema Micho Bandullo.
Acto seguido procedeuse a apertura da plica da novela premiada. O autor da obra gañadora resultou ser José Carou Rey .
O xurado destacou en Ventre de madeira a súa capacidade para nos mergullar nunha intensa historia de amor co pano de fondo da Compostela de finais dos anos oitenta na que propia cidade, a súa xeografía e a súa paisaxe humana teñen tamén un relevante papel protagónico.
Narrada con oficio e solvencia, a prosa da novela, de estrutura circular, espreme con acerto os elementos simbólicos e as alusións culturais para recrear unha trama chea de personaxes singulares e inesquecibles, que van deluvando a vida namentres a mocidade foxe cara a un incerto futuro aínda por escribir