O Grove promove a compostaxe doméstica grazas aos fondos Next Generation EU
Fecha: 2025-11-07
O Concello do Grove dá un novo paso na súa aposta pola sostibilidade co lanzamento dun programa de compostaxe individual que permitirá transformar os residuos orgánicos en fertilizante natural. A iniciativa, financiada con fondos Next Generation EU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, prevé a distribución de 300 composteiros de 360 litros entre os fogares do municipio.
Grazas a este proxecto, a veciñanza poderá converter case o 40% do lixo doméstico —a fracción orgánica— nun recurso útil e respectuoso co medio: compost de alta calidade para hortas e xardíns. O sistema de compostaxe in situ evitará o transporte e tratamento centralizado de máis de 136 toneladas anuais de residuos, o que supón unha redución estimada de 68,4 toneladas de emisións de CO2 na pegada de carbono municipal.
Para garantir o éxito do programa, o Concello inclúe visitas técnicas domiciliarias que ofrecerán asesoramento práctico sobre a mestura adecuada de residuos e restos vexetais, asegurando un proceso sen cheiros e un resultado óptimo.
Con esta acción, o Grove non só dá cumprimento á nova Lei 7/2022 de residuos e chans contaminados, senón que tamén sitúa cada fogar como un actor esencial na protección do medio ambiente e na construción dun futuro máis verde e autosuficiente para a vila meca.
